O rexedor local, Fernando Suárez, lembrou que no momento no que se puxo en marcha o programa piloto ‘Xantar sobre rodas’, “foron 17 os/as usuarios/as atendidos/as grazas a unha achega da Vicepresidencia da Xunta. Agora, despois da aprobación da ordenanza reguladora e da consecuente burocracia, queremos poñer en marcha este servizo de forma ininterrompida”.
Segundo afirmou o alcalde “o ‘Xantar sobre rodas’ funcionará do mesmo xeito que o programa experimental, que tan boa acollida tivo entre os usuarios directos e os seus familiares”.
A respecto de cales serán os beneficiarios deste programa, Fernando Suárez afirmou que haberá dous tipos “aquelas persoas que contarán con prazas subvencionadas, xa que a administración cubrirá unha parte do custe do servizo en función das súas rendas, e aquelas outras que, superando as rendas esixidas, queiran asumir o 100% do custe, estimado en 7 euros menú e día”.
Microondas para quentar a comida
O rexedor ribadense asegurou que os menús comprenderán todo tipo de dietas “tanto baixas en hipocalóricos, coma as preparadas para persoas que sofren diabete” e engadiu que “aos usuarios que non conten microondas se lle facilitar á un para que poidan quentar a comida”. Así mesmo, o alcalde explicou que a empresa responsable deste servizo vai facer revisións e levar a cabo tarefas de mantemento dos frigoríficos, control de temperaturas, recollida de restos de comida, etc… para asegurar un correcto funcionamento do programa.
Segundo os datos que manexa o departamento de Servizos Sociais do Concello hai unhas 50 persoas interesadas en contar con este servizo “xa non tanto pola cuestión económica”, tal e como comunicou Fernando Suárez, “senón por facilitar unha dieta axeitada a esa xente maior que se sinte capacitada para vivir soa, pero que si lles ofrecen este servizo xa se poden despreocupar do ter que facer de comer e poden continuar na súa vivenda sen ter que desprazarse a unha residencia ou centro de día”. O alcalde animou aos interesados e ás súas familias a inscribirse canto antes, dirixíndose aos Servizos Sociais municipais no Auditorio Hernán Naval.