O Concello de Ribadeo organiza tres novos programas de prevención de drogodependencias. O primeiro denominado Cambio de sentido desenvolverase na Autoescola Fama desde mañá venres. Segundo explica Mónica Fernández Lamparte, responsable do programa de drogodependencias e incorporación social do Concello de Ribadeo, “ten coma obxectivo mellorar a seguridade vial entre os mozos de 16 a 25 anos que se atopan sacando o permiso de conducir”.
Durante unha sesión que dura entre unha e dúas horas, os rapaces visionan un video sobre alcohol e condución e reciben información sobre as drogas, a condución, as leis, as taxas de alcoholemia… A intención deste programa, declarou, é promover actitudes e condutas máis seguras e responsables entre a mocidade e incrementar a percepción do risco asociado á condución baixo os efectos do alcohol e outras drogas.
O segundo programa consiste no reparto entre pais e nais de mozos de entre 10 e 18 anos da guía Cousas que che interesan como pai/nai: guía sobre drogodependencias. Trátase dunha publicación de 20 páxinas dirixida a pais e que pretende ser unha pequena guía para aclarar as dúbidas máis comúns e orientar respecto dun tema tan complexo como é o das dependencia das substancias.
E por último no Concello presentouse a campaña institucional E se che toca a ti?, que leva adiante a Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodepencias, e que comeza estes días a ser emitida en radio e televisión. A campaña consta ademais duns dados antiestrés, carteis e despregables que se repartirán polo Concello entre os mozos de máis de 14 anos. Esta campaña fai tamén especial fincapé no alcohol, a cocaína e o cannabis.