Nas últimas horas produciuse un derribamento na parte traseira dunha casa situada na rúa Antonio Otero, no casco vello de Ribadeo. A vivenda, segundo explica o alcalde, Fernando Suárez, “estaba nun estado lamentable do que advertimos hai algún tempo… e agora derribouse a parte traseira do inmoble, co que parte dos escombros chegaron á rúa da Muralla”. Esta casa estaba habitada por unha señora que se atopaba nunha situación bastante precaria da que o Concello xa tiña advertido ao xulgado de Mondoñedo hai meses. O alcalde ribadense, en vista desta situación, ordenou xa o precintado do inmoble e está buscando un lugar no que esta veciña poida durmir ata que os seus familiares se fagan cargo dela.
O rexedor engadiu tamén que os técnicos municipais están contactando xa con Patrimonio e con Vivenda da Xunta de Galicia para ver cales son as medidas que hai que tomar de xeito máis inmediato “se é necesario tamén con execución subsidiaria no caso de que os propietarios non actúen rapidamente para evitar que se siga desprendendo e que poida afectar á seguridade pública”.
Proxectos de rehabilitación
Fernando Suárez volveu a falar da situación do casco vello de Ribadeo e de moitos dos inmobles que se encontran nela “nunha situación realmente mala”, segundo comunicou. “Despois de estar tomando medidas nos últimos meses desde o goberno municipal vemos os primeiros froitos” sinalou o rexedor, que tamén informou de que “hai moitos propietarios que practicamente non viven aquí, pero que xa están empezando a traer proxectos de rehabilitación, o que nos indica que vai ser a liña que vamos ter que seguir desde o Concello”.
O alcalde de Ribadeo asegura que “non podemos permitir que cada pouco tempo teñamos desprendementos de fachadas, vivendas que se caen… levamos tempo actuando, fixemos xa dúas execucións subsidiarias porque os seus propietarios fixeron caso omiso ás nosas advertencias e isto contrasta tamén coas críticas que por parte da Corporación Municipal se lle fan ao equipo de goberno por teimar en que os propietarios poidan rehabilitar esas vivendas”.
Fernando Suárez recalca que o Concello vai manter esta política mesmo “redobrando esforzos ata conseguir que o casco vello sexa un lugar seguro para transitar, agradable para vivir e unha fonte de riqueza desde o punto de vista turístico”. Amosando a súa confianza que isto sexa unha realidade no menor tempo posible, Suárez engadiu que “entre tanto tomaremos as medidas coercitivas e subsidiarias que estimemos pertinentes de cara a garantir a seguridade pública de todas as persoas que viven e/ou transitan pola zona vella da nosa vila”.