O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, di que “hai poucos días unha serie de persoas de varias parroquias de Ribadeo dirixiron un escrito ao Concello pedindo unha serie de documentación e información e nosoutros como Concello non temos aínda esa documentación porque nós non tramitamos os permisos específicos para a posta en marcha desa instalación eléctrica senón que por normativa é a propia compañía eléctrica Begasa quen a través da Xunta e concretamente da Consellería de Industria ten que tramitar todos estes permisos de paso e de construcción do que é a subestación”. O rexedor agarda “porque así se asinou no protocolo xa hai meses, que esta información chegue ao Concello o máis axiña posible e penso e conto que será nas vindeiras semanas no que ten que ver co trazado da liña e todo o mundo poderá ter acceso a toda esa documentación para presentar as alegacións pertinentes tanto aquí como na propia Xunta”.
Suárez Barcia engade que “eu como alcalde e como equipo de goberno hai un tempo cando a firma deste protocolo, os criterios que evacuamos que deberan ter en conta na redacción deste proxecto eran primeiramente, cumprir coa normativa de distancias separadas tanto dos núcleos de poboación como das vivendas e aínda que nesa normativa moitas veces requiren poucos metros que se fixera a separación máxima posible sempre e collendo toda a normativa na materia e agardo que así sexa porque senón será o Concello un dos que se opoña”. O alcalde considera que “Begasa e Xunta non serán tan torpes de collerse as mans en canto a trazados de liñas que pasen por lugares que non son axeitados. E en segundo lugar que este trazado evitase o paso por terras de labradío é dicir por solos de protección agrícola que fora todo polo monte ou en todo caso a maior parte posible polo monte. Con estes resultados que descoñecemos pero que agardamos recibir nos vindeiros días se poderá avaliar e se terá que informar por si hai algunhas cousas que non se axustan a esa normativa”.
O rexedor ribadense sinala que “o que sí debo dicir de maneira global é que a subestación e polo tanto a liña de media tensión é algo vital e digo vital coma algo estrictamente necesario para Ribadeo, non só polo polígono industrial porque inviabilizaría ese proxecto, senón para Ribadeo en sí. Ribadeo foi medrando e ten limitada a súa capacidade enerxética, a sua capacidade de distribución eléctrica senón ten unha subestación e a electricidade de momento que eu saiba non vai por ondas senón que vai por tendido eléctrico, pero eso sí, todo o que se faga debe respectar escrupulosamente toda a normativa. Debe ir separada dos núcleos de poboación, ir separada de casas e debe ir sobre todo polo monte”.
Suárez explica que “non é unha liña de alta tensión destas grandes de 400 kilovoltios senón que será de 136… ténse que coller na parte sur so concello na actual existente que ven de Asturias e que pasa por Couxela e Trabada e se ten que pinchar unha saída que ten cruzar todo o concello ata vir aproximadamente ata Piñeira onde se convirte de alta en media tensión a través dunha subestación que logo vai soterrada para distribuir ao polígono, ao resto de Ribadeo e ao resto de sitios nos que se necesite”.
O alcalde conclúe dicindo que “polo tanto o noso criterio é defender aos veciños sempre… poden presentar os escritos que consideren convenientes e pedir a información que estimen conveniente, agora que nós non podemos dar máis información da que non temos a día de hoxe, pero que polo demáis se estean tranquilos porque nós somos dos máis interesados en que non haxa conflicto cos veciños outra cousa é que alguén a río revolto pretenda azuzar e eso xa é outro cantar do que poderemos falar noutro momento”.