As Concellarías de Muller e Servizos Sociais, a través do CIM e da Oficina de Inmigración presentarán estes xoves ás 20:30 horas na Escola Municipal de Música unha guía de carácter informativo dirixida ás mulleres inmigrantes do concello de Ribadeo. Segundo aseguran Luisa González e Ana Prieto “na guía que se titula A información fainos libres hai un apartado destinado aos dereitos e deberes laborais, outro sobre os dereitos e deberes documentais, un apartado adicado ás axudas dirixidas ás mulleres e o último recolle os recursos cos que contan na comarca da Mariña, por exemplo Servizos Sociais, CIM, xulgados, Seguridade Social…”.
A guía está redactada en diversos idiomas “que son os que utilizan nos países de procedencia das mulleres inmigrantes. Os idiomas son: galego, español, inglés, ruso, árabe e portugués”. Ana Prieto e Luisa González sinalan que “nas traduccións hai unha simbiose entre aquelas que foron feitas por tradutores profesionais (por exemplo inglés, galego, portugués) e as que se fixeron por persoas que viven en Ribadeo e son deses países (caso do árabe). Nestas últimas, se enviaron ao servizo de traducción oficial da Cruz Vermella para que as revisara, pero o que queremos por de manifesto é a importancia da colaboración directa das inmigrantes nesta guía”.
O acto de presentación será o 5 de marzo ás 20:30 horas na Escola Municipal de Música. Despois haberá unha degustación de productos típicos de diferentes culturas amenizado por músicas étnicas.