O proxecto que Cultura ten para a Torre dos Moreno, segundo declarou a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, consiste “en consolidar a estructura do inmoble e a reparación das vigas e elementos horizontais que soportan o peso do edificio”. Para isto, segundo apuntou “inclúense obras na cuberta, nas fachadas exteriores, nos patios que dan ao interior do edificio e tamén o acondicionamento dos accesos ao inmoble e a restauración das baixantes principais”.

Segundo o convenio asinado, a Consellaría de Cultura asumirá o custe total das obras de restauración da Torre dos Moreno e o goberno local de Ribadeo establecerá contactos cos propietarios e encargarase da vixilancia e da seguridade durante a realización dos traballos.

O rexedor, Fernando Suárez, amosouse satisfeito con esta sinatura polo que suporá “para un edificio que levaba moito tempo esquecido, logo de que as últimas actuacións se tiveran realizado hai aproximadamente uns doce anos”. Engadiu así mesmo, que se trata dun proceso complexo tanto polo propio deterioro do inmoble como pola fragmentación da súa propiedade “xa que moitos dos propietarios se atopan en Madrid ou en América”. O alcalde comprometeuse a iniciar os contactos con eles “desde mañá mesmo” coa intención de “que este protocolo se converta en breve nun convenio con consignación presupostaria para realizar as obras necesarias”. Fernando Suárez lembrou tamén a importancia que ten para Ribadeo e para o resto do país este monumento “que é xunto coa praia das Catedrais un dos principais símbolos desta zona”. O alcalde agradeceulle á conselleira de Cultura o esforzo realizado para asinar este protocolo e declarou que “hoxe é un día moi importante para o patrimonio histórico e cultural de Ribadeo”.

Gran importancia patrimonial

A Torre dos Moreno foi construída entre 1915 e 1916 polo arquitecto Julián García Núñez e o enxeñeiro Ángel Arberk cos cartos que enviaban desde a emigración os irmáns Pedro e Juan Moreno Ulloa. Trátase dunha casa de indianos, dun tipo abundante na costa luguesa, de estilo ecléctico con toques ornamentais que apuntan ao modernismo. A construción, feita fundamentalmente de ferro e formigón, conta con 5 plantas, con dúas vivendas cada unha, tres escaleiras e seis patios, o que aseguraba a luminosidade en todo o inmoble.


Pola súas características, a edificación foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1997 pola Xunta de Galicia, protección que se vería máis tarde ampliada coa declaración BIC da vila de Ribadeo en 2004.