O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, ordenou nas últimas horas cortar un camiño de titularidade municipal próximo á cooperativa dos Irmandiños. A vía estaba a ser empregada por camións de grande tonelaxe que traballan nas obras da Autovía do Cantábrico, no treito entre Reinante e Ribadeo. O Concello, segundo dixo o alcalde, non autorizará o paso de camións de grande tonelaxe nin desta nin doutras obras sen que teñan depositada unha fianza que responda dos danos que poidan ocasionar neses viais públicos.
O rexedor asegura que a Policía Local xa advertira á empresa OHC e aos camioneiros que transitaban pola zona da posibilidade do peche do camiño se non se depositaba unha fianza. Suárez Barcia engade que ante o incumprimento desa indicación verbal, tivo que dar orde de cortar ese camiño, prohibindo así o acceso a eses camións baixo a súa responsabilidade. A cantidade da fianza solicitada sería establecida polo arquitecto municipal de acordo aos estragos que se puidesen producir. O alcalde sinalou que esta fianza non ten afán recadatorio, xa que de non haber problemas no camiño, a cantidade sería devolta.
O alcalde de Ribadeo lembra que o vial en cuestión xa fora fonte de polémica hai uns meses nunha situación semellante. A empresa FCC, que fixo o tramo de autovía en Ribadeo, produciu estragos en ese e outros camiños e logo só reparou unha parte. Neste momento, ese caso está pendente da decisión de Demarcación de Estradas respecto á responsabilidade da reparación.