Ribadeo conta desde hoxe cunha nova ferramenta de comunicación entre o goberno municipal e os seus cidadáns e cidadás, o sitio web www.ribadeo.org. O portal, con información dispoñible en galego, castelán e inglés, servirá tamén para proxectar o valor turístico de Ribadeo de cara ao exterior.
Os navegantes poderán acceder desde a mesma portada ás novas que se produzan no concello e aos actos de axenda, e coñecer inmediatamente avisos e convocatorias, que se irán ampliando e actualizando constantemente. Ademais, de cara a o difundir o atractivo turístico do concello, esta primeira páxina funciona tamén como escaparate para as mellores imaxes fotográficas de Ribadeo, permitindo contemplar unhas fermosas galerías de imaxes do concello.
Xa no interior, os cidadáns dispoñen dun apartado dedicado enteiramente á información institucional, con textos actualizados sobre o funcionamento e a composición dos órganos que integran a organización municipal; as liñas de traballo das diferentes concellarías; un directorio de teléfonos e enderezos de interese; así como os orzamentos municipais en vigor e información sobre os diferentes servizos municipais, etc.
Tramitacións administrativas máis doadas e transparentes
Co obxectivo de facilitarlles a todos/as os/as habitantes os trámites que teñan da administración local a páxina ofrece, ademais, unha sección específica onde se pode atopar e descargar toda a documentación de interese. Así, en E-Administración, os cidadáns atoparán resposta ás súas preguntas máis frecuentes respecto a trámites municipais, as convocatorias e contratacións públicas cos documentos relacionados e mesmo un arquivo das actas dos plenos.
Ademais a web posúe un apartado específico de contratacións no que se publicarán todas aquelas convocatorias de concursos públicos e licitacións que promova o Concello. Desta maneira habilítase unha ferramenta que fai máis cómoda a información ás empresas interesadas en acceder ás contratacións e, ao mesmo tempo, tamén se abre unha fiestra na rede para que a cidadanía poida seguir con total transparencia esta parte da xestión municipal.
Servizo de envío de novas
A información municipal complétase coas seccións de Actualidade e Facendo Concello, onde se fan públicas as accións e as políticas que o goberno local pon en marcha para mellorar a calidade de vida de todos e todas os/as ribadenses. Así poderase contactar coas políticas culturais, sociais e económicas, e mesmo consultar, dento da área de Urbanismo, o Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Todas aquelas persoas interesadas en facer un seguimento regular da actualidade municipal teñen a opción de subscribirse ao boletín de novas da web. Deste xeito, recibirán puntualmente a través dos seus correos electrónicos as últimas noticias, avisos e actos de axenda que se suban á web.
Ribadeo, destino turístico
O novo portal non podía esquecer o incrible valor paisaxístico de Ribadeo. Así, tanto Turismo como Coñecer Ribadeo proporcionan todos os datos necesarios para gozar ao máximo dunha visita ao concello. Indicacións sobre como chegar, onde comer e durmir, datos específicos das fermosas praias e rutas turísticas están ao alcance de todo o mundo.
En Coñecer Ribadeo, ademais, tanto os habitantes como os visitantes poden coñecer a fondo as diferentes parroquias, a historia, a poboación e a economía desta zona. Tamén poderán consultar unha completa guía de empresas onde os navegantes atoparán todos os servizos e comercios que poidan precisar.