O Concello de Ribadeo comezou estes días a implantar o sistema de estacionamento por tempo limitado na rúa Doutor Moreda e nas inmediacións da praza de abastos. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que, deste xeito “imos ter en Ribadeo a primeira experiencia de zona azul, que será ademais totalmente gratuíta”.

Aos establecementos comerciais da zona están chegando xa copias da ordenanza reguladora correspondente coa finalidade de todos/as os/as afectados/as teñan coñecemento sobre o funcionamento deste sistema. Ademais, desde o Concello e o Centro Comercial Aberto estanse distribuíndo discos reguladores de horarios para que os/as usuarios/as (tanto veciños/as como visitantes) que desexen estacionar nestas zonas os coloquen en lugares visibles dos seus vehículos, por exemplo á altura do parabrisas e de xeito que a policía local poida efectuar correctamente as inspeccións necesarias. Este sistema terá un límite horario de 1.30 horas para aparcar na rúa Doutor Moreda e nas inmediacións da praza de abastos, agás no caso das persoas con minusvalías, que poderán estacionar durante 3 horas.

Información previa ás sancións

O rexedor local, Fernando Suárez, informou de que “unha vez efectuados os labores de pintado da zona azul e de colocación da sinalización vertical correspondente, comezaremos xa a implantación deste sistema”. O alcalde confía na boa receptividade que poida ter entre os usuarios este sistema, xa que, tal e como asegurou “sabemos que isto de un día para outro pode dar lugar a confusións”.

Para evitar os problemas que poidan xurdir neste sentido o Concello editou uns folletos informativos que a Policía Local colocará nos vehículos que incumpran as normas da zona ORA durante os primeiros días. A partires dun tempo prudencial os/as usuarios/as que persistan no incumprimento destas normas serán sancionados, tal e como recolle a ordenanza reguladora aprobada en pleno hai un par de meses.

Desde o Concello apélase á colaboración veciñal para conseguir que, unha vez implantado, o sistema sexa efectivo e permita que o maior número posible de persoas poidan beneficiarse das 70 prazas que hai dispoñibles nesta zona.