No convenio marco asinado polo Concello e a Universidade de Santiago figuran diversas modalidades de colaboración. Así por exemplo, contempla a celebración de xornadas anuais sobre paisaxe e sustentabilidade. Tamén se acorda o establecemento de Campus de Verán da USC no Concello de Ribadeo.
Ademais, páctase no convenio o asesoramento e colaboración co Centro Cultural “Viejo Pancho” coa finalidade de investigar e difundir a memoria local de Ribadeo, “prestando especial atención ás pegadas da emigración local e galega a América”, en palabras do rexedor, Fernando Suárez.
O Concello de Ribadeo aportará a cantidade de 6.000 euros anuais dos seus orzamentos para as actividades que se desenvolvan no marco deste convenio, que entra en vigor hoxe. A vixencia desta colaboración será por espazo de catro anos, que se renovarán automaticamente agás denuncia expresa por algunha das partes.
Segundo explica o alcalde de Ribadeo, a intención é formalizar o compromiso de que “as fontes da sabedoría e do coñecemento das universidades se poidan trasladar a Ribadeo, para deseñar un modelo de Concello, un modelo de país e de territorio máis sustentable e máis harmónico co noso entorno”.
Concello e Universidade tamén firmaron outro convenio relativo á celebración da xornada sobre Augas Santas que hoxe se desenvolve en Ribadeo.