Segundo o informe enviado por Ecoembes, S.A sen ánimo de lucro que se encarga de controlar e xestionar a recollida dos embases lixeiros en Ribadeo, “no mes de abril estivemos por debaixo do 30% de impropios, exactamente o 26,71%” segundo informou o concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro.
O edil nacionalista lembra que “cando estamos por encima desa porcentaxe débese concretamente a catro tipos de residuos que se depositan no contedor amarelo e que non deberían estar nel: materia orgánica, vidro, cartón e film comercial”. Cupeiro lembrou que o ano pasado o Concello xa enviou a todos os domicilios información de como empregar axeitadamente estes colectores, algo que, segundo indicou “volveremos a facelo este ano porque se superamos o 30% de indebidos o concello será sancionado”. Por todo o anterior, dixo, “desde o Concello solicitamos a colaboración dos veciños á hora de seleccionar o lixo, xa que desta maneira contribuímos a que os residuos poidan ser logo transformados noutros produtos”.
Lixo na vía pública
Horacio Cupeiro tamén pide colaboración á hora de deixar obxectos na rúa “é necesario que todos e todas sexamos conscientes do problema que lle crea ao Concello o feito de que se depositen obxectos e residuos na vía pública sen comunicalo nos días indicados para a recollida dos mesmos, que son os últimos martes de cada mes para madeiras mobles e colchóns e os primeiros martes para os obxectos metálicos, entre as 9 e 11 da mañá dese mesmo día”. Segundo advertiu, “esta mala costume obríganos a recorrer ás rúas todos os días para controlar eses depósitos”. O teléfono ao que os/as cidadáns deben chamar para solicitar a recollida deste tipo de residuos é o 982 128 650.
Outros residuos
O concelleiro de Medio Ambiente de Ribadeo pídelles aos establecementos que depositan o cartón fora dos contedores ou que o depositan sen pregar e sen atar os días de recollida porta a porta, que fagan estas entregas de acordo co bando da Alcaldía.
Cupeiro sinalou que “no caso de persistir a actitude de algunhas persoas que non colaboran para conseguir un Ribadeo máis limpo, máis ordenado e máis humanizado, verémonos na obriga de tramitar sancións”. O concelleiro de Medio Ambiente recoñece que “a maioría dos/as cidadáns cumpre estas normas pero que aínda queda algunha xente que segue depositando o vidro no contedor dos orgánicos”. Cupeiro quere lembrar que o teléfono do punto limpo é o 619 55 18 95 e que este está aberto de 9 a 13 e de 14:30 a 18:30 de luns a venres e de 9 a 13 os sábados.
Horacio Cupeiro tamén lles comunicou aos veciños e veciñas de Ribadeo que o día 26 do mes de setembro entrou en vigor o R.D. 106/2008 sobre pilas, bacterias e acumuladores, un decreto que obriga aos produtores e distribuidores a recoller todos os elementos mencionados. “O consumidor ten polo tanto o dereito a que se lle recollan estes residuos en todos os establecementos de venda destes productos e estes últimos teñen a obriga de informar disto aos cidadáns”, sinalou o edil.