O Centro Comercial Aberto de Ribadeo sorteará este Nadal 12.000 euros en vales de compra para gastar nos establecementos da vila. A campaña destas festas foi presentada hoxe polo presidente de ACISA (Asociación de Comerciantes Industriais e de Servizos Autónomos de Ribadeo) e do Centro Comercial Aberto, Gervasio Cao, e polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez.

O responsable do Centro Comercial Aberto asegurou que “nestes momentos nos que a situación económica é complicada para moitos cidadáns e cidadás quixemos recuperar o sorteo de Reis que adxudica os premios aos boletos cuios números coincidan cos premiados do Sorteo do Neno”.

Mediante a distribución de rifas entre os establecementos asociados, o CCA sorterá un primeiro premio de 6.000 euros que se concederá a través dunha paga mensual de 500 euros durante un ano; un 2º premio de 3.600 euros, que consiste tamén nunha paga mensual de 300 euros durante un ano e 12 premios de 200 euros cada un que se entregarán directamente aos/ás cosumidores/as premiados.

Gervasio Cao comentou tamén na presentación que, co obxectivo de facilitar as compras aos pais e nais dos nenos e nenas de Ribadeo, os establecementos asociados disporán de tickets para regalar aos seus clientes e clientas para o acceso dos máis pequenos/as a unha hora gratuíta no parque infantil Chiquiland ou no Centro de Ocio Infantil Dubidú.

Propostas de ocio

Ademais destas iniciativas o CCA distribuirán durante toda a campaña de nadal bolsas de rafia ecolóxicas, caramelos e piruletas aptos para celíacos/as, tarxetas de felicitación… A animación polas rúas e os obradoiros infantís -os días 20 e 30 de decembro e o 4 de xaneiro- formarán parte tamén da programación deste evento. Gervasio Cao sinalou tamén que os establecementos repartirán neses días as entradas para asistir ás tres obras de teatro que o Concello de Ribadeo programou para eses días.


A campaña de nadal do CCA comezará o vindeiro 6 de decembro e rematará o 5 de xaneiro de 2009. O presidente do Centro Comercial Aberto avanzou que os comercios estarán abertos en Ribadeo os luns 22 e 29 de decembro e o 5 de xaneiro para facilitar as compras durante eses días. As tendas tamén estarán abertas o domingo 4 de xaneiro.

Dinamización do comercio local

Pola súa banda o rexedor de Ribadeo, Fernando Suárez, dixo que o Concello colabora nesta campaña con 12.000 euros que irán destinados a financiar os gastos das ludotecas, as campañas de publicidade do CCA, as actividades de lecer e o alumeado navideño. Fernando Suárez engadiu que a intención do executivo local con esta iniciativa é “dinamizar o comercio local nestas datas, xa que se trata dun pilar básico da nosa economía”. O alcalde considera que deste xeito “contribuimos a atraer moita xente á nosa vila, tanto de outros puntos da Mariña como do occidente asturiano”.