Vicente Castro, concelleiro de Deportes de Ribadeo, anunciou que “o vindeiro venres, imos poder ver un partido de baloncesto ás 8 da tarde no pavillón polideportivo de Ribadeo. Este novo pavillón permítenos ter unha oferta diferenciada e de calidade, que se fai apetitosa para clubs das máis diversas especialidades deportivas. Entre elas o Breogán, que xa cando estivo aquí na primavera nos anticipou a súa intención de facer unha pequena pretempada de preparación aquí, en Ribadeo”. Castro agradeceu “a parada que os Clubs Ribeira Sacra Breogán e Ourense Baloncesto fan en Ribadeo, colaborando coas escolas deportivas de aquí, e ofrecéndonos a posibilidade de facer un partido con dous equipos da mesma categoría”. O edil recordou que “dende o goberno municipal o que queremos é poñer á disposición dos clubs da provincia as grandes instalacións que nestes momentos temos”.

Pola súa parte, José Antonio Sama, responsable do CB Ría de Ribadeo, afirmou que “dende o noso club xa o ano pasado tíñamos coma obxectivo promover o baloncesto en toda A Mariña, e este ano seguimos a traballar nesta liña e empezamos forte da man do Concello. Comezamos cun partido de máximo nivel na provincia de Lugo, pero non queremos que este evento se quede só nun partido. Queremos facer partícipes aos rapaces do noso Club, e por iso, a mesma mañá do partido teremos unha sesión de adestramentos cos rapaces impartida polo primeiro e polo segundo adestrador do Breogán. Nela tamén participarán os xogadores”. Sama quixo “agradecer o apoio do Concello, da Deputación e do noso novo patrocinador Hotel Bouza, porque nestes tempos toda axuda é pouca”.