O Concello de Ribadeo acolleu esta mañá a sinatura dun convenio entre o Bispado de Mondoñedo, a Consellaría de Industria e o propio Concello mediante o cal a Igrexa lle cede á Xunta o edificio do antigo colexio das monxas que está situado en pleno casco vello ribadense para a súa conversión nun albergue de peregrinos.
Esta actuación, que vai ter un investimento de 1,2 millóns de euros, suporá a creación de 40 novas prazas que se unirán ás xa existentes no outro albergue que ten Ribadeo. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, manifestou a súa intención de que esta instalación estea lista para o Xacobeo 2010.
Pola súa parte, Fernando Suárez dixo que “este será un dos mellores e máis importantes albergues do Camiño, xa que Consellaría de Innovación e Industria e Fernando Blanco saben que Ribadeo ten un grande potencial turístico aínda por descubrir”. Do mesmo xeito, manifestou que “este departamento xa nos apoio en iniciativas que levamos adiante hai uns meses con FEVE, poñendo en marcha ese paquete turístico que trouxo á nosa vila e a toda esta zona a centos de asturianos durante o mes de xuño; tamén nos axudaron coa edición dos folletos turísticos que fixemos de Ribadeo, Rinlo e Arante e coas obras que se están a realizar no casco vello”.
O alcalde lembrou tamén que, en datas recentes, “máis de 30 turoperadores de todo o mundo puideron gozar da beleza de Ribadeo e da súa ría… pero aínda nos faltan cousas”. Neste sentido engadiu que “tomamos isto como un reto e agardamos que a Corporación Municipal nos axude a impulsar todas as medidas que poñamos en marcha de cara ao Xacobeo de 2010 e para o PEPRI”.
Por outro lado, o bispo de Mondoñedo, Manuel Sánchez Monge, avogou porque “a colaboración que vimos mantendo desde hai tempo coa Xunta de Galicia continúe”. Sobre o edificio que se vai rehabilitar o Bispo sinalou que “para a diocese sempre foi un motivo de preocupación, xa que se atopaba nun estado case de ruína e era necesario buscar algunah saída para este inmoble do século XVII”.
Os traballos que se van desenvolver nese edificio, que conta cunha superficie duns 1.000 metros cadrados, permitirán compartir o espazo dedicado a albergue e o uso da capela por parte do Bispado que podería destinarse a sala de exposicións ou de xuntanzas.