O mediodía de hoxe tivo lugar a inauguración do tramo da autovía A-8 que une Barreiros con Reinante. No acto estiveron presentes Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo, Magdalena Álvarez, ministra de Fomento e Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galicia.
O rexedor ribadense aproveitou a ocasión para facerlle chegar á ministra de Fomento un escrito no que se solicita a construción dun acceso adicional a Ribadeo desde a A-8 cando se circula en sentido Asturias. A Xunta de Portavoces elaborara previamente a carta.
Segundo explicou o alcalde, a autopista xa dispón dun acceso á vila cando se circula en dirección a Galicia na rotonda de Vilaselán. Con todo, o deseño da autovía non permite facer a mesma manobra cando se circula en dirección a Asturias. No documento tamén se lle solicitaba unha entrevista á ministra para abordar en profundidade esta temática.