Nos antecedentes expostos, Fernando Suárez, di que “Ribadeo é a última poboación do territorio administrativo da Comunidade Autónoma e exerce unha ampla influencia nun área tanto da Mariña Lucense como respecto ao Principado de Asturias. No conxunto do territorio, tal e como se sinala na propia documentación do Plan Sectorial, prodúcense dous fenómenos interrelacionados: un incremento de poboación e a reducción do número de membros nos fogares. Ao mesmo tempo, tales factores xeradores de necesidade de novas vivendas, coexisten cunha falsa apariencia producida pola baixa inscripción nos rexistros de demandantes de vivendas”.
Suárez Barcia segue a contar que “segundo as propias previsións do Plan Sectorial, Ribadeo experimentará un crecemento moderado de poboación considerándose que en termos tanto absolutos como relativos o crecemento da poboación respecto ao escenario medio amosa unha suba do 4’12% en 10 anos. Ao mesmo tempo tamén se sinala que a taxa de crecemento medio acumulativo anual de afiliados á Seguridade Social no período 2003-2007 foi superior á media galega, xa que en Ribadeo foi do 3,97% e na Comunidade Autónoma foi do 3,35… O crecemento real, polo tanto, é superior ao derivado das estadísticas e supón un elemento de interés xeral da Comunidade Autónoma, pola potenciación do seu extremo oriental, favorecendo o seu dinamismo. Como consecuencia se precisa dun parque de vivendas capaz de satisfacer a demanda inducida pola propia dinámica socioeconómica da zona. As actuacións previstas no casco antigo, sendo importantes, poden ser insuficientes para esta demanda, debendo incorporarse nas inmediacións do casco urbano actual algunha actuación en solo urbanizable, e no posible achegándose a un concepto de tipoloxía tradicional e cos criterios de valor arquitectónico e funcional tamén”.

O alcalde demanda da Xunta que “se delimiten pormenorizadamente os límites das parcelas para recoller debidamente os peches das traseiras urbanas existentes no casco antigo e que non se produzan desequilibrios entre os afectados; que as actuacións que se produzan no casco histórico non teñan un impacto paisaxístico nin tipolóxico negativo, tendo en conta que é un casco histórico ubicado sobre a Ría de Ribadeo cunha fisonomía característica que pode potenciar o propio plan se se resolve axeitadamente; que se artelle unha solución para evitar o estrangulamento que existe nos accesos ás zonas de actuación previstas; e que se favorezan como criterios preferentes de actuación para a execución os seguintes: para vivendas existentes, a súa exclusión se é posible, a súa integración na ordenación se é posible, e o realoxo no mesmo sector e coa mesma tipoloxía, igualmente si é posible; e para a adquisición de solo, favorecer a permuta como sistema de xestión preferente”.

O rexedor de Ribadeo formula diante da Consellería de Vivenda e Solo da Xunta as seguintes alegacións: “que se incremente o número de vivendas previstas para o Concello de Ribadeo ao estimarse insuficientes para as necesidades que se prevén no Plan Sectorial ao actuar exclusivamente sobre o casco antigo, considerando que tamén deberían realizarse en solos urbanizables. E que se recollan respecto ás actuacións previstas no casco antigo os criterios de actuación que se alegan tanto no que atinxe á propia ordenación e actuación prevista como á xestión respecto aos propietarios”.