O alcalde de Ribadeo reclamou na Deputación investimentos nas infraestructuras de titularidade provincial.

O alcalde, Dani Vega, reclamou este mediodía na Deputación de Lugo investimentos nas infraestruturas de titularidade provincial, xa que están completamente abandonadas.

O rexedor aludiu á tardanza coa que chegou a xuntanza de hoxe: “despois dun ano de solicitala a institución entendeu que debía corrixir esa actitude e recibiunos a deputada de Relacións Institucionais. Nosoutros entendemos que o presidente ou calquera deputado ten que recibir aos alcaldes. Eu non vou quedarme na simple anécdota de quen nos recibe. O importante é buscar esa liña de acordo, buscar a inversión, é dicir todo ese orzamento que a Deputación ten a obriga de investir en Ribadeo, e a nosoutros iso é o que nos ocupa e preocupa”.

Vega lembrou que “durante todo este tempo fómoslle solicitando reunións ao presidente da Deputación, porque temos necesidades e a Deputación tamén ten obrigas no noso concello, por exemplo a conservación de toda a rede de infraestruturas, das estradas da Deputación, que están completamente abandonadas, que non hai ningún tipo de mantemento, que non hai ningún tipo de conservación á hora da limpeza, que observamos que está todo sen desbrozar”.

O alcalde subliñou que “a Deputación ten unhas obrigas coas que ten que cumprir, que nos concrete cando van vir limpar e cando van vir investir para mellorar a rede de infraestruturas. Tamén ten unha obriga orzamentaria con Ribadeo e por iso nosoutros pedíamos, e hai un acordo da Corporación Municipal, é verdade que coa abstención do BNG e do PSOE, pero en definitiva saíu adiante… creemos moi necesario a construción dunha pasarela para evitar que os peregrinos vaian pola estrada da Deputación, pola estrada de Vilela. É un risco o que estamos a sufrir todos os días. E aí tamén se debe investir para evitar accidentes, que nestes momentos xa houbo dous”.

E indicou que “tamén debemos mellorar entornos nesa estrada, a antiga estrada que agora quedou aí como un aparcamento obsoleto, sen desbrozar, cun feísmo importante nese traxecto, estaría ben construír un miradoiro. Isto é importante, como tamén é importante que se invista en todas as entidades culturais, deportivas, nas asociacións de veciños, creo que é fundamental. E tamén lle trasladamos que cremos que hai que ter unha reunión co deputado de Deportes porque necesitamos a inversión da Deputación para construír instalacións deportivas necesarias neste concello”.

Vega engadiu: “nestes momentos, a Deputación entendeu que debíamos ter esta reunión e nosoutros agradecemos este espírito de acordo que sempre mantivemos desde a institución municipal, colaborar permanentemente, a lealdade institucional é importante. É verdade que non se debe confundir lealdade institucional con silencio, senón hai ningún tipo de inversión. Eu leal total, pero exixente o máximo para que as institucións, todas, a Deputación, a Xunta e o Goberno do Estado, invistan no noso pobo”.