A Consellería de Vivenda está disposta a dialogar sobre o plan de solo residencial de Ribadeo, segundo se desprende do encontro que esta tarde mantiveron en Santiago co director xeral do IGVS, Daniel Pino, e co delegado provincial de Vivenda, Cosme Pombo, o alcalde de Ribadeo e voceiro do BNG, Fernando Suárez e o voceiro municipal do PP, José Carlos Rodríguez Andina.
O rexedor lamenta que “non acudiran os outros voceiros da oposición”. Fernando Suárez suliña “a disposición moi positiva e moi favorable e pouco encasillada da administración autonómica xa que non están pechados só a ese lugar proposto inicialmente para a construcción de vivenda libre e protexida en Ribadeo, pero sí que insisten en destacar a importancia que terá para o noso concello ese plan”. O alcalde engade que “hai quen fala de que se está a furtar o debate da moción presentada polos partidos da oposición e non é así, porque se tratará de xeito inminente en pleno. Só lles quero dicir que falando se entende a xente e que falar non está reñido con ningunha cor nin con ningún matiz político e o que se está a intentar é falar e chegar a acordos positivos para todos”.