O Concello asinou un convenio coa Mesa pola Normalización Lingüística para distribuír nos centros de ensino material didáctico en galego dirixido ás idades máis temperás. O Abecedario, o primeiro da serie que edita a Mesa, xa está en Ribadeo. Éste está ilustrado por Óscar Villar. As entidades receptoras recolleron os seus exemplares esta mañá. No acto participaron a concelleira de Educación e Cultura en funcións, Mariluz Álvarez Lastra, e a vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Mónica Pazos. Tamén asistiron Cristina Vázquez do CIFP Porta da Auga, Fé Somoza da escola infantil, Encarna Santos de Educando en Familia, Montse Vivero do colexio Sagrado Corazón e a bibliotecaria municipal Mª Jesús Rañón.

A edil nacionalista explicou que “se trata da edición dunha serie de libros para os máis pequenos, no tramo no que os rapaces empezan a entrar en contacto coa lectura, no tramo de 0 a 6 anos. Trátase da edición dunha serie de libros monotemáticos referentes a aves, animais, utensilios da casa, elementos da escola… editados integramente en galego. As profesionais que traballamos con nenos de educación infantil contamos con moito material en castelá, pero ás veces con pouco en galego, onde se reflicta a imaxe do que queremos ensinarlles aos rapaces e rapazas coa palabra ou a denominación en galego”.

Álvarez Lastra dixo que “nos parece unha idea fabulosa que a Mesa pola Normalización Lingüística edite estes libros, que van acompañados de láminas. E comézase por un libro xenérico para traballar o abecedario, é algo moi representativo, co que a riqueza do vocabulario será moi amplo. Hai que destacar a calidade das imaxes, que están feitas por ilustradores xoves e dunha gran calidade”.

A concelleira de Educación e Cultura indicou que “a nosa idea foi non quedarnos no Concello só con estes exemplares, porque nos parece que incentivar a cultura e a lingua galegas é moi importante nestas idades, e por iso quixemos facer un convenio onde o Concello adquirise estes exemplares e os distribuíse nos centros de ensino da vila: Gregorio Sanz e Sagrado Corazón, na escola infantil, en Educando en Familia, e na nosa biblioteca municipal tamén estará este libro O Abecedario. Tamén existe unha relación moi estreita co centro de saúde. Na sala de pediatría hai un stand ao que a propia biblioteca vai levando e renovando alí libros. E ese espazo será dotado con estes materiais”.

Mónica Pazos, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, agradeceulle ao Concello de Ribadeo “a súa colaboración porque é a maneira de que chegue aos centros de ensino e que os nenos e as nenas teñan contacto con este material”. Pazo relatou que “o proxecto nace polos datos do uso do galego, que se fixeron públicos o ano pasado e nos que se dicía que un de cada catro nenos galegos só fala galego ata os quince anos e a idade máis baixa é onde é mais alarmante o pouco uso do galego. Todos os estudos marcan que hai un problema na transmisión xeracional. Nese sentido desde a Mesa quixemos contribuír, aportar o noso gran de area e facemos este tipo de libros, que son material didáctico, só con vocabulario e con imaxes. Neste caso o ilustrador é Óscar Villar, que é un premio nacional e o seguinte libro vai ser sobre as aves e será ilustrado por Silvar. A idea é seguir con outros libros relacionados co tempo, coa roupa… con vocabulario moi relacionado cos nenos e coas nenas”.

A mestra de Educando en Familia Encarna Santos manifestou que “debemos respectar sempre a lingua materna. Os nenos cando chegan a xunto de nós de 0 a 3 nenos, que non saben falar aínda que xa empezan a dicir as súas primeiras palabras. É moi importante respectar o galego porque é a súa lingua materna. Este material é importantísimo porque o hábito de ler empeza ao nacer, de aí que teñamos que poñer en contacto aos nenos e nenas con estes libros como futuros e bos lectores o día de mañá”.