O 24 de maio terá lugar a oitava edición dos Cantos de Taberna, que organiza o Concello de Ribadeo. Os grupos interesados en participar poderán inscribirse ata 16 de maio.

O 24 de maio terá lugar a oitava edición dos Cantos de Taberna, que organiza o Concello de Ribadeo.

O 24 de maio terá lugar a oitava edición dos Cantos de Taberna, que organiza o Concello de Ribadeo. Os grupos interesados en participar poderán inscribirse ata 16 de maio. 

A concelleira de Turismo, Marta Saiz, contou que “a inscrición nos Cantos de Taberna, que xa está aberta, é gratuíta e realizarase a través de turismo@ribadeo.gal ou chamando ao seguinte número de teléfono 982 128 689. Os participantes deberán achegar a ficha de solicitude dispoñible na sede electrónica da páxina web do Concello https://www.ribadeo.gal// En canto os establecementos que desexen adherirse ao evento deberán poñerse en contacto tamén coa oficina de turismo de Ribadeo a través do correo electrónico turismo@ribadeo.gal ou o teléfono 982 128 689”. 

A edil ribadense indicou que “a participación no concurso este ano mantense ata un máximo de 15 grupos e/ou un máximo de 150 persoas en total. Cada grupo percorrerá o itinerario que a organización lle marque, non podendo realizar actuacións noutros locais de hostalería que non lle fosen asignados. O repertorio será de libre elección, preferentemente con temas populares e tradicionais, incluíndo algunha obra de arraigamento ribadense, que poderán variarse ao longo do percorrido. E cada grupo poderá achegar, xunto coas voces que serán obrigatorias, instrumentos musicais que os acompañen, sen que en ningún caso esta circunstancia faga aumentar o número de integrantes. Todos os grupos quedarán convidados a unha cea/petiscos conxunta, que terá lugar ese día o 24 de maio, ao remate dos Cantos de Taberna”. 

Marta Saiz subliñou que “con esta xa tradicional cita queremos lembrar e homenaxear a aquelas xuntanzas festivas dos anos 50 ou 60 nas que unha tasca, unha xarra de viño e un grupo de amigos eran máis que suficiente para poñer en marcha un improvisado concerto de cantigas populares. Probablemente moitas das pezas populares que hoxe en día se conservan xurdiron desa espontaneidade daqueles anos”.  

Para a concelleira de Turismo “esta actividade converteuse nunha cita ineludible para os amantes da música e atrae a numerosos grupos de distintos puntos de Galicia e Asturias, creando un ambiente festivo nos diferentes locais de hostalería participantes”. 

Marta Saiz engadiu: “apuntade a data do 24 de maio e non dubidedes en achegarvos a Ribadeo a participar e a gozar desta xornada tan popular e tan festiva como son os Cantos de Taberna”.