Suárez Barcia manifestou que “queremos apoiar esta iniciativa da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña para esta manifestación que se vai celebrar o vindeiro xoves, 1 de marzo, en Burela, a partires das oito da tarde, diante do Hospital da Costa”.

O alcalde fai un chamamento “para que os veciños e veciñas de Ribadeo acudan tamén como van facer veciños e veciñas de todos os concellos da Mariña, porque entendemos que existen motivos máis que dabondo para acudir a esta manifestación”.

O rexedor ribadense indicou entre eses motivos “o paulatino aumento nas derivacións cara a Lugo que se veñen dando desde hai varios anos, os datos sobre os tempos de agarda para consultas, para probas diagnósticas ou mesmo intervencións cirúrxicas que son absolutamente falseados, ata a percepción por parte da cidadanía da merma da calidade asistencial pola sobrecarga á que teñen sometidas ás plantillas, máis que insuficientes de profesionais”.

Fernando Suárez dixo que “desde o Concello de Ribadeo rexeitamos a modificación da Lei de Saúde, que elimina a area sanitaria da Mariña converténdonos en pacientes de Lugo, pero co único obxectivo de incrementar as derivacións da cidadanía de Ribadeo cara ás empresas sanitarias privadas de Lugo, e isto hai que dicilo así de claro”.

O alcalde engadiu:”facemos un chamamento á participación nesta manifestación que convoca esta plataforma, e confiamos en que sexamos moitos os que lle fagamos recapacitar ao goberno da Xunta de Galicia, ao goberno de Feijoo, para que poña freo a este deterioro sistemático da sanidade pública”.