O rexedor explicou que “tivemos coñecemento de que ás tres persoas que deron positivas como contaxiadas de Covid19 temos que engadir tres persoas máis nestas últimas horas. Neste caso, dúas usuarias e unha relixiosa. Unha delas foi traslada onte á residencia médica que a Consellaría de Sanidade ten habilitada para estes casos en Santiago de Compostela. Outra presentou síntomas hoxe á mañá e foi trasladada ao Hospital da Costa para analizar o seu estado. En canto á relixiosa, está mantendo o confinamento total preceptivo para estes casos”. 

Suárez Barcia dixo: “cabe destacar que a totalidade das seis persoas positivas, as tres do primeiro día e estas tres últimas, atópanse polo momento con sintomatoloxías leves”.

O alcalde contou que “segundo nos manifestan os responsables do Hospital da Costa de Burela, na mañá de hoxe procedeuse a facer un novo cribado xeral para determinar se pode haber algún contaxio máis ou se pola contra a situación permanece estable. Agardan ter os resultados en breve”.

Fernando Suárez indicou que “desde o Hospital-Asilo de San Sebastián e San Lázaro, mantéñense os protocolos e plans de continxencia establecidos para estas situacións e con limpezas e precaucións reforzadas para tentar controlar a situación. Reitérase que nesta crise sanitaria por mor da pandemia que estamos a vivir non existe risco cero, aínda que o centro está preparado para afrontar esta situación, tanto a nivel de persoal como de medios”.

O rexedor ribadense engadiu que “manteremos informada á cidadanía a medida que vaiamos tendo información, ben sabida por nós mesmos ou ben proporcionada polas autoridades sanitarias autonómicas en canto nola vaian facilitando, sempre co mellor ánimo informativo e para dar a confianza necesaria que evite rumoroloxías e situacións de confusión ou malentendidos”.