O rexedor dixo que “aproveitando as suxestións que nos fai periodicamente a Policía Local e unha serie de recomendacións de veciños de zonas especialmente sensibles, estamos construíndo uns novos pasos de peóns elevados, destas construcións que limitan a velocidade dos vehículos sen maior encordio para eles sempre que efectivamente non pasen a velocidades estratosféricas”.

Suárez Barcia indicou que “se está construíndo un na rúa da Virxe do Camiño, outro na rúa Alza e outro no camiño da Palmeira, na parroquia de Ove. Son lugares onde habitualmente os vehículos pasan a velocidades que non son as axeitadas e o día menos pensado podíamos ter algún accidente ou atropelo”.

O alcalde ribadense engadiu que “estamos traballando neste sentido para atenuar a velocidade dos vehículos nesas zonas, así como estamos facendo tamén unha reposición de panos de aglomerado asfáltico en lugares que tiñan problemas, como poden ser a avenida Rosalía de Castro, a rúa Luz Pozo Garza, a estrada das Aceas, en Ove, ou nun tramo da estrada do Monte, en Vilagüiz. E tamén nestes días, aproveitando o bo tempo, estamos continuando cos traballos de rebacheo nas parroquias do interior para ir intentando mellorar esta rede municipal de camiños tan grande que temos e que sempre adoece de problemas. Intentamos na medida das posibilidades ir actuando sobre todos eles”.