O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “nestes días estamos mandando  unha serie de invitacións para que os veciños das rúas e da avenida en cuestión participen con nós nesta festa que organizamos toda a Corporación Municipal no momento de descubrir as placas dos espazos públicos, das rúas ou das avenidas ás que acordamos hai meses darlles novos nomes. E facémolo porque os que tiñan ou ben eran confusos ou o servizo de Correos non identificaba a algúns por seren espazos moi amplos que tiñan soamente unha denominación e iso facía imposible que unha carta puidese chegar correctamente ao seu destino”.

O rexedor dixo que “este sábado, 11 de maio, faremos o descubrimento de catro rúas e unha avenida nos barrios de O Xardín, Os Garitos e Vilar. Unha desas rúas levará o nome de Juan Suárez Casas, que foi un científico e alcalde de Ribadeo a finais do século XIX. Outra delas chamarase rúa José Couso, que leva o nome deste xornalista, cámara de televisión, que foi asasinado e que foi vítima dun conflito ocorrido en Irak hai dez anos. Recuperamos tamén a toponimia para a rúa dos Garitos e dámoslle unha rúa a Segundo Moreno Barcia, que foi deputado a finais do século XIX polo distrito de Ribadeo e foi o redactor dun proxecto de constitución da primeira corte federal naquela época. E finalmente inauguraremos a avenida Ría de Ribadeo unindo as rotondas de Dompiñor e Vilaselán, todo ese treito levará ese nome”.

Os actos de descubrimento das placas darán comezo ás 11:40 horas na rúa Juan Suárez Casas, seguirán na rúa José Couso ás 12:00 horas, na rúa dos Garitos ás 12:30 horas, na rúa Segundo Moreno Barcia ás 12:50 e na avenida Ría de Ribadeo ás 13:10 do mediodía. En cada una delas unha representación de alumnos/as da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo interpretará pezas musicais.