O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “seguimos desde o Concello con este descubrimento de placas de diferentes rúas, avenidas ou espazos públicos que no pleno da Corporación de hai uns meses acordamos por unanimidade nomear, xa que sobre todo o servizo de Correos formulaba moitas dificultades por ambigüidades ou por non estar nomeados correctamente moitos deles. E entre todos vamos inaugurar este domingo catro rúas: hai unha moi importante, unha das máis principais de Ribadeo, que ata agora chamábase Vía Transversal e que se vai chamar avenida de Rafael Fernández Cardoso en honra ao alcalde que tivo Ribadeo na Segunda República, un alcalde que foi escollido democraticamente nun período democrático ao que despois lle seguiu unha escura ditadura de 40 anos. Eu penso que a memoria dos veciños e veciñas de hoxe en día debe recordar aquel período democrático florido tan importante para a historia deste Estado”.

O rexedor engadiu que “despois inauguraremos unha serie de rúas como a dos Galos, por alí cerca tamén; unha paralela, a rúa Benito Prieto Coussent, que fai honra precisamente a un pintor, a un profesor universitario e a un galeguista finado xa hai varios anos pero que tivo moita vinculación con Ribadeo. E finalmente outra das rúas que vamos nomear e descubrir unha placa é a rúa Justo Pico de Coaña, tamén na zona dos Galos, onde queremos recoñecer o labor dun persoeiro que foi pedagogo, que foi mestre, aló a finais do século XIX en Ribadeo”.

Suárez Barcia indicou que “como fixemos da outra vez, en todas e cada unha destas rúas vai haber unha representación de alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, que interpretarán pezas musicais. Desde o día de hoxe estanlles chegando cartas aos veciños destas rúas para que acudan, xunto con calquera outro veciño ou veciña do concello que queira vir, ao acto de descubrimento da placa”.

Os actos de descubrimento das respectivas placas darán comezo ás 12 na avenida de Rafael Fernández Cardoso, para continuar ás 12:20 na rúa dos Galos, ás 12:40 na rúa Benito Prieto Cousent e rematar ás 13 horas na rúa Justo Pico de Coaña.