O rexedor referiuse “a dúas actividades que están de actualidade nestes tempos aquí en Ribadeo. Por unha banda, unha discoteca que quería abrir hai un tempo. Pois ben, logo de ter cumprido todos os trámites e esixencias legais que o Concello lle indicou aos seus promotores, desde esta semana poden desenvolver a súa actividade cando o desexen. Queremos dicir isto porque ao principio, vimos que as cousas non se plantexaban ben e houbo que indicárllelo. Desde este Concello procuramos ser áxiles nos procedementos administrativos e así o demostramos cando as cousas se presentan correctamente. Cando non sen fan, veñen os problemas, os retrasos, etc. E nada máis lonxe da  nosa intención”. 

Suárez Barcia dixo: “sirva polo tanto este caso como exemplo. Todo ben presentado, as obras necesarias feitas e as autorizacións outorgadas. Unha boa nova para toda a nosa mocidade, que terá agora unha oferta máis variada de locais de lecer”.

O alcalde manifestou: “outro caso de actualidade é esta firma de comida rápida que quere abrir na Aveniva da Ría de Ribadeo. Desde que tivo outorgada a licenza de obra, os seus promotores estiveron executando as obras de construción a unha velocidade impresionante. Nesta mesma mañá foi presentada  no Concello a última documentación necesaria para outorgar a autorización de actividade, polo que prevemos que nesta mesma semana poida abrir as súas portas”.

E engadiu: “en definitiva, Ribadeo é un lugar onde están moi claros os requirimentos técnicos e xurídicos para poder desenvolver cantas actividades económicas se desexen, sempre que estes criterios técnicos sexan cumpridos”.