No seu discurso o rexedor dixo que Saribel Suárez e Valentina Fernández “son un exemplo de esforzo, de amor polo traballo, e que entronca coa nosa tradición de Ribadeo como referente comercial histórico dende hai moito tempo atrás. Ademais nestes momentos é unha alegría para todos nós que vosoutras, Saribel e Valentina, poidades ver como se está incrementando este potencial comercial en Ribadeo. Somos o referente de toda A Mariña e de todo o Occidente asturiano”.

Suárez Barcia considera que “non podemos ser triunfalistas, porque sabemos que a xente non o está pasando ben, que son momentos difíciles, pois en Ribadeo, como en todos os sitios, falta moito traballo; pero, con todo, apréciase o dinamismo do sector servizos, abrindo locais, ampliando e modernizando outros. E iso é algo co que dende o Concello estamos francamente moi orgullosos, por traballar como estivemos facéndoo nestes últimos anos: amañando e peatonalizando rúas, semipeatonalizando, mellorando espazos como a rúa Ramón González, que estamos estes días con ela levantada; impulsando a rehabilitación de edificios na nosa vila para que sexa un lugar de compras imprescindible, un lugar atractivo para vir a gozar, a pasear e, como non, a mercar; e poñendo a Ribadeo na primeira división do turismo co Ribadeo de Tapeo, co Ribadeo Indiano, coas actividades culturais, etcétera. Todo isto non sería posible sen o que estamos facendo nos últimos anos: traballando cóbado con cóbado cos comerciantes a través de Acisa, estreitando lazos día a día”.

O alcalde de Ribadeo subliñou que “temos agora novos e apaixonantes desafíos e retos, que temos que ir resolvendo. Debemos seguir nesta liña, pero tamén temos que traer a moita xente e aproveitar este fluxo de milleiros de persoas que ao longo do ano, especialmente na Semana Santa e no verán, veñen a Ribadeo para visitar a nosa praia máis internacional: a das Catedrais. E queremos que unha parte grande deles acaben aquí, en Ribadeo. Faise preciso para iso a colaboración, como estamos facendo, con Acisa, pero tamén, como non, da Xunta de Galicia. Traballar xuntos para facer de Ribadeo ese lugar onde pivote toda a xestións dos fluxos turísticos, para que o noso comercio, os nosos restaurantes, os nosos hoteis, … tamén se poidan beneficiar activamente desta nosa praia”.