O rexedor contou que “nas xuntas de goberno destes últimos días o goberno municipal, dentro do ámbito das licencias de obra que concede, hai varias que creo que merece a pena destacar. Demos unha licenza para un novo hotel en Ribadeo, na rúa San Francisco, e a ampliación da capacidade doutro na rúa Lazurtegui, así como tamén se deu a licenza de obra para a construción dun novo cámping en Rinlo”.

Fernando Suárez sinalou que “en total son aproximadamente 34 prazas de aloxamento o que supoñen estes dous hoteis, e unhas 50 prazas o que supón este cámping. Estas cifras veñen incrementar as practicamente 1.700 prazas de aloxamento que ten Ribadeo no seu conxunto”.

Para o alcalde ribadense “isto lévanos a pensar o interese que segue espertando Ribadeo como destino turístico cada vez máis diversificado. Desde logo con moito que facer aínda, pero existindo de maneira diferenciada e singularizada para os milleiros de persoas que nos visitan ao longo do ano”.

Suárez Barcia subliñou que “Ribadeo ofrece calidade e con este esforzo que estamos tratando entre o público e o privado, imos paseniño consolidando un sector moi importante para Ribadeo. Esperemos que iso siga sendo unha fonte de traballo e de actividade sen prexuízo do moito que nos queda por mellorar e por facer”.

O rexedor ribadense asegurou que “estamos nese camiño día a día, facémolo rematando este ano 2016 e principiando con moita ilusión o 2017”.