O alcalde, Fernando Suárez, relataba este mediodía que “aquí na Mariña, e singularmente en Ribadeo, non saímos dunha para meternos noutra con estas cuestións climatolóxicas. Agora no medio deste, case me atrevo a dicir, furacán por algúns momentos estamos a ter unha chea de incidencias aparatosas moitas delas, aínda que afortunadamente polo de agora non temos que lamentar danos persoais”.

O rexedor indicou que “houbo moitos puntos con caídas de lousas e chapas de metal que nos están a dar bastantes problemas porque ao desprenderse unha as outras caen sistematicamente. Iso pasou na rúa Justo Barreiro, nun edificio na rotonda de O Xardín, na rúa Pintor Fierros e algún problema tamén en Rinlo. E despois incidencias que non chegaron a máis, pero que puideron ocasionar unha catástrofe como foi o caso dese camión articulado, que a parte de atrás envorcou na ponte dos Santos. Foi por iso que dita ponte se pechou a todo o tráfico pesado”.

Fernando Suárez engadiu que “desde o Concello, desde a Policía Local, desde os voluntarios de Protección Civil que levan toda a mañá traballando pedímoslles aos veciños e veciñas que non saian á rúa, agás extrema necesidade, porque se aforran un susto ou unha desgraza, o que é peor”.