O concelleiro de Medio Ambiente explicou que “no núcleo urbano colocamos outro armario selectivo de residuos de todo tipo, entre eles aceite vexetal, fluorescentes, cartuchos, tóner, pinturas, pequenos electrodomésticos, cápsulas de café, pilas, cd´s, dvd´s, radiografías e aerosois”.

Díaz Freije lembrou que “xa estaban instalados outros dous. Un na entrada de Rosalía de Castro e outro no parque de San Francisco. Este que colocamos agora é outro armario selectivo en colaboración con Ascan, que é a empresa que fai a recollida selectiva en Ribadeo, e máis co Concello. Entón é outro aporte máis para que estes residuos non vaian a outro tipo de contedores nin estean por aí espallados, e darlle unha opción máis á cidadanía para que seleccionen mellor os residuos”.

O edil nacionalista subliñou que “do recollido, ata agora, neses dous armarios selectivos, hai arredor de trescentos quilos de pequenos electrodomésticos, bastantes aerosois, cartuchos, moitos fluorescentes e trinta ou corenta quilos de aceite vexetal. Todo isto nos tres meses, como moito, que levan funcionando, e ese foi un dos motivos polos que pensamos tanto a empresa como o Concello, en poñer outro punto limpo de proximidade máis. Está situado na Avenida Rafael Fernández Cardoso, na esquina, ao comezo do Xardín, para completar esa zona”.

Para Jorge Díaz “ese é un sitio visible que vai aportar máis cantidade de recollida selectiva. No Concello continuamos traballando para que os residuos sigan o seu tratamento normal e para que sexan tratados nas condicións idóneas”.