O rexedor dixo que “é unha moi boa noticia o feito de que o pleno da Corporación por unanimidade acordase adxudicar as importantes obras de construcción do novo pavillón polideportivo, que substituirá ao vello ubicado na avenida de Luarca”. Suárez Barcia explicou que “a adxudicación realizóuse a unha UTE formada por dúas empresas, Galdiano e Maceiras y Esmorís, unha vasca e unha galega, que das 28 ofertas que se presentaron foi a que mellor proposta realizou de conformidade coa mesa de contratación. O importe é de 2.333.000 euros cunha mellora de 1.124.000 euros para facer un dos mellores, máis grandes, máis ambiciosos e competitivos elementos polideportivos de toda Galicia”.

O alcalde subliñou que “todo isto será posible coa importante axuda da Deputación Provincial de Lugo, singularmente da súa Área de Cultura e Deportes que financia a totalidade deste pavillón, sin que o Concello de Ribadeo teña que poñer un só céntimo. Trátase dunha moi boa xestión na que traballamos durante meses e agora empezan a verse os resultados”. E engadiu que “agora nun mes e medio ou dous darán comezo as obras de demolición do actual pavillón e construcción do novo, unha vez que se se notifiquen os acordos, se firmen os contratos, se depositen os avais necesarios, segundo a lei de contratos, e en definitiva despois de 12 meses de obras Ribadeo contará cun novo pavillón multidisciplinar para moitísimas cousas, como salas de reunión para as asociacións deportivas. Contará tamén coa posibilidade de dividir a pista principal en tres pistas máis pequenas para poder simultanear diferentes actividades deportivas”.

Fernando Suárez considera que “esta instalación daralle un impulso moi importante a todo este movimento deportivo que xurdiu en Ribadeo nos últimos anos, non só dos deportes tradicionais senón dos novos. Este pavillón resolverá esa falta de espazo que tiñamos agora e seguimos sendo referentes en moitas cousas, coma no deporte. Quero felicitar xa que, a pesares de estar nos últimos momentos dun mandato, a Corporación soubo estar á altura das circunstancias e cando se tratan cousas boas para Ribadeo, alégrome e felicítoos a todos por estar no mesmo carro”.