O rexedor sinalou que “despois de varios meses de obras, puxemos en funcionamento e abrimos un local de encontro para asociacións veciñais, fundamentalmente de Ribadeo, debido a que elas desde hai tempo viñan demandando un espazo onde poder celebrar as súas xuntas. O Concello non tivo ata o de agora moitos espazos para poder utilizalos para esta finalidade”.

Suárez Barcia explicou que “tiñamos un antigo lavadoiro de principios do século XX, que nos últimos lustros era utilizado coma un almacén municipal de cachivaches. Eliminamos todo iso, cun taller de emprego iniciamos a rehabilitación do inmoble, sendo estrictos cos criterios de patrimonio, e a onde non chegaron eses rapaces e rapazas, que o fixeron moi ben, conseguimos unha financiación da Área de Cultura da Deputación de Lugo para poder rematar eses traballos e para converter ese lavadoiro nun moderno local de reunións para asociacións”.

O alcalde lembrou que “o local, que vai cubrir unha carencia moi importante, está enclavado no casco vello e incluso moita xente de Ribadeo non sabe da existencia desta infraestructura. Penso que cando a vexan van quedar maravillados de cómo se rehabilitou e do servizo que vai prestar a todo este movimento asociativo tan importante que temos en Ribadeo, que nos últimos anos se foi reforzando, e desde o Concello queremos poñerlles instrumentos para que poidan facer o seu labor de reunión e de proposta correctamente”.

Fernando Suárez convidou “a todo este movimento asociativo para que hoxe, nunha xornada de portas abertas, se poidan pasar por alí e poidan no futuro inmediato, a partires de mañá mesmo, empezar a utilizar esa infraestructura tan bonita, tan esquecida e que quedou tan ben rehabilitada aquí en Ribadeo. Todos os veciños están convidados a achegarse a esta nova instalación”.