O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “dando cumprimento a un rogo do PSOE nun pleno anterior onde nos pedía que fósemos substituíndo parte das placas das rúas do casco vello por estar moi deterioradas, o que fixemos foi unha aposta ambiciosa: procedemos a substituír case todas as placas do casco vello e fixémolo da man de Sargadelos. Precisamente pola ligazón histórica que Sargadelos ten e tivo con Ribadeo e tamén para botarlle unha man a esa empresa nestes momentos nos que atravesan dificultades. E así estamos actuando nuns aproximadamente 50 espazos, entre rúas, prazas, recunchos, etcétera”.

Para o rexedor “precisamente tendo un casco vello tan bonito, en proceso de rehabilitación integral, como temos aquí en Ribadeo, e que está sendo tan visitado polos milleiros de turistas que recibimos, non quedaba moi ben ter moitas placas moi deterioradas, xa que moitas delas estaban enferruxadas. Con todo algunha placa histórica, destas que temos de porcelana, habémola conservar no seu sitio, pero a maioría van ser substituídas por unhas novas placas de Sargadelos onde figure o nome da rúa actual e incluso unhas breves recensións históricas de cómo se chamaron na antigüidade ou en momentos pretéritos estas rúas ou espazos”.

Suárez Barcia indicou que “nestes días estamos facendo unha actuación na rúa Amando Pérez, que está no casco vello de Ribadeo; xusto na curva da aduana vella estamos a levantar e a arranxar parte do seu pavimento debido ao mal estado que tiña, perigoso e que incluso provocou algún accidente por ter ese pavimento moi elevado e que ocasionaba perigo para os viandantes e para os que baixaban en vehículos. Pedimos e contamos coa pertinente autorización de Patrimonio e agora nestes días ese tramo final da rúa Amando Pérez vai estar pechado ao tráfico rodado para o seu amaño”.

O alcalde de Ribadeo engadiu: “e, seguindo no casco vello, estes días Portos de Galicia por fin está procedendo a arranxar os vertedoiros de pluviais no paseo marítimo, concretamente na zona de Porcillán, para tratar de atenuar os alivios que se producen coas fortes chuvias, que moitas veces provocan imaxes moi desagradables ao ver restos dos saneamentos da vila de Ribadeo flotando por alí, pola praza de Porcillán. Esperemos que con esta actuación de Portos se atenúen de maneira moi importante estas situacións moi desagradables nos días que chove moito na vila”.