O rexedor asegurou que “é intención deste goberno municipal seguir actuando na reposición de luminarias no que ten que ver co alumeado público tanto na vila como nas parroquias, para ser substituído por estas novas tecnoloxías, tecnoloxías led, de menor consumo e de maior eficiencia enerxética. Se ben nestes últimos anos estivemos incidindo nas parroquias, nun número importante delas fomos corrixindo estas deficiencias, aínda nos queda moito camiño por andar”.

Suárez Barcia anunciou que “agora queremos facer unha nova remesa no ámbito urbano, con parte dunha subvención da Deputación Provincial de Lugo e con fondos propios do Concello na parte restante. Queremos iniciar o cambio de máis de 75 puntos de luz para pasar aquí a tecnoloxía led en varias rúas do ámbito urbano”.

O alcalde detallou que “se actuará en Amador Fernández, no aparcamento municipal, na rúa Pintor Fierros ou na rúa Daniel Cortezón, por poñer algúns exemplos dos sitios onde imos cambiar as luminarias vellas por estas de tecnoloxía led”.

Fernando Suárez salientou que “este importe de 35.000 euros que sacamos a concurso vai en aberto, polo que todas aquelas empresas que cumpran os requisitos e que queiran participar neste procedemento teñen toda a información no perfil do contratante da nosa sede electrónica, e o prazo está aberto para que poidan facer as súas ofertas”.