O rexedor declarou que “nesta época estamos concentrando toda a auga do ano enteiro. Se hai uns días Ribadeo e tamén concellos próximos tivemos moitos problemas coa auga, fundamentalmente nese caso nas parroquias da costa, moitas veces agravados pola situación da autovía e da circunvalación pola decisión no seu momento de unificar moitos regatos, agora con todo o que leva chovido esta noite e nas últimas horas provocou incidencias certamente salientables tamén nas parroquias do interior”. Suárez Barcia contou que “os veciños estannos chamando, imos e levamos dende primeira hora da mañá vendo como a ponte das Anzas, por exemplo, está totalmente asolagada pola auga. Tamén hai algúns problemiñas en Covelas e en Remourelle, sitios onde polo que sabemos de momento non levou ningunha ponte, pero si quedaron algunhas delas por debaixo do nivel do caudal que leva o río, moi crecido e moitos arrastres tamén, nalgúns casos de madeira, que obstaculizan algúns ollos dalgunhas pontes”.

O alcalde ribadense dixo: “entendo que chove e iso non é culpa de ninguén pero, como xa llo comunicamos hai uns días tanto a Augas de Galicia como ao Ministerio de Fomento, polo tema da autovía, debemos ter máis planificación desde o punto de vista estratéxico para que logo, cando pasen estas cousas, non se desdobren os ríos porque non teñen o canle ben afirmado, que os amieiros que normalmente están nunha beira agora acaban no medio do río. Hai que facer unha política de limpeza e medioambiental, desde o punto de vista autonómico, máis activa. Pero sabemos que non é culpa de ninguén que caian 90 litros de auga por metro cadrado nun día. Iso é culpa da natureza, que é moi sabia, pero tamén desde as institucións, e singularmente desde a Xunta de Galicia, deben facer planificación para non ter que lamentar sucesos como os ocorridos hai 5 anos, cando houbo auténticas desgrazas”.