O rexedor declarou que “estas últimas xuntas de goberno onde o Concello autoriza actividades, obras, etc… están supoñendo unha continua e seguida mostra de que Ribadeo vai camiñando na boa dirección. Como proba diso é que a xunta de goberno de onte, de entre as varias autorizacións de obras que vamos dando, cabe destacar a dunha nova vivenda unifamiliar en Vilar ou un novo ximnasio na Avda Rosalía de Castro”.

Fernando Suárez contou que “tamén autorizamos a instalación de tres puntos de recarga eléctrica de vehículos nunha céntrica gasolineira de aquí da vila, que se veñen engadir aos 4 que xa nunha sesión anterior outorgamos na área de aparcamento dun restaurante en Vilaframil”.

O alcalde ribadense subliñou: “e tamén na sesión de onte demos a licenza de obra para a instalación dunha empresa de comida rápida, coñecida como Burger King, nunha parcela duns 3.000 m2 na Avda. da Ría de Ribadeo. Alí vaise construír un edificio con terraza, aparcadoiros, etc. A autorización foi outorgada logo de que se cumpriran todos os requirimentos técnicos e de mellora e reforzo do sistema de saneamento que existe naquela zona, algo que indirectamente vai beneficiar aos veciños daquela parte de Vilar”.

O rexedor engadiu que “en definitiva, son pasos que desde o goberno municipal valoramos positivamente. Seguro que hai iniciativas económicas que van traer competencia unhas as outras, pero sen dúbida Ribadeo estase a converter nun pulmón económico e de desenvolvemento moi importante na Mariña de xeito paseniño pero imparable”.