O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “é certo que estamos vivindo un rexurdir de iniciativas económicas e empresarias en Ribadeo e, todo isto, a pesar de que estamos no medio dunha pandemia que non demos superado pero que, se todo vai ben, en pouco tempo poderemos encarar o futuro con fortaleza e con decisión”. 

O rexedor manifestou: “e quero  poñer, a modo de exemplo, un pequeno resumo do acontecido na última xunta de goberno celebrada hai poucos días e onde demos as autorizacións pertinentes para varias actuacións urbanísticas e empresariais. Entre elas, demos autorización para esta nova marca JYSK, de mobiliario, para un espazo comercial de máis de 1.300 metros cadrados e que se instala ao pé do Hipermercado Eroski, na Avenida Ría de Ribadeo”.

Suárez Barcia engadiu que “tamén a xunta de goberno deu a licenza de obra para a construción dun edificio para 39 vivendas e unha pensión a construír no encontro das rúas da Lodeira e Irmáns Suárez Couto. Esta obra maior, podemos dicir que é a primeira grande despois da recesión económica da construción e tamén é a primeira que damos ao abeiro das modernas normas recollidas no actualizado Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ribadeo”.

O alcalde sinalou: “ogallá que estas iniciativas vaian chamando a outras porque estamos seguros e temos pistas solventes que nos levan a pensar que Ribadeo está na mente de moitas iniciativas económicas, para os próximos tempos, unha vez superemos esta maldita pandemia que tanto nos afoga”.