O rexedor municipal explicou que “nestes días estamos rematando as obras de mellora dunha zona verde importante para Ribadeo. Trátase dunha rúa ampla, moderna e nova coma é a avenida Rafael Fernández Cardoso, onde ultimamente está a vivir moita xente e onde se sitúa o edificio de vivendas sociais, de protección oficial, que hai pouco entrou en funcionamento. Estamos a rexenerar todas esas traseiras que estaban nunha situación de certo abandono para que sirvan de zona verde con árbores, con bancos, con papeleiras, que se están a piques de instalar, e con certo mobiliario”.

Suárez engadiu que “se hai uns meses xa se fixo unha actuación na banda de arriba desta rúa, agora estamos a rematar na parte que faltaba. Con isto, a xente nova, e non tan nova, poderá utilizar esta zona como lugar de recreo e espazo público significando a súa cabida unha superficie certamente importante. Trátase duns 3.500 metros cadrados nos que estamos actuando para o que ten que ver con este ano cunha inversión aproximada de 20.000 euros de fondos propios municipais”.