O rexedor manifestou que “xa no treito final de execución destas obras pequenas, pero ao mesmo tempo importantes que van corrixir unhas deficiencias que tiñan dous núcleos rurais do noso concello, como son Porto de Abaixo e Reme de Arriba, que dentro de poucos días terán depuradoras que resolvan o problema de que parte destes vertidos podían, non digo que así acontecera pero era posible, acabar ás veces na propia ría de Ribadeo. Eu penso que con esas dúas actuacións melloramos a marxe galega moitísimo. Foron financiadas entre a Xunta de Galicia e o Ministerio dentro do que son os espazos da Rede Natura e da Reserva da Biosfera, tal e como tíñamos previsto noutras actuacións”.

Suárez Barcia agarda que “para o ano que vén, a ver se é posible, se acometa esta outra obra que nos parece tamén moi importante, como é a substitución de árbores de fóra, como son os eucaliptos, en toda esta franxa de terreo público desde a Casa das Algas da Vilavella ata o muíño de mareas das Aceas. Queremos substituílos por vexetación frondosa autóctona que permita divisar un miradoiro magnífico sobre a ría de Ribadeo que nestes momentos é imposible por esa cantidade tan mesta de eucaliptos que forman unha cortina vexetal. Por iso, despois de ter enormes dificultades para conseguir todos os permisos de Costas, de Estradas, etcétera, que agora xa temos na man, a ver se é posible que a Xunta poida licitar para o ano que vén esta actuación que non precisa demasiado diñeiro, pero que é moi importante desde o punto de vista medioambiental e do turismo en Ribadeo para ir facendo do noso concello un lugar moi agradable para vivir e para gozar del, da súa paisaxe, do seu entorno. E ademais, limpo e de acordo coas normativas vixentes”.

Para o alcalde “todo isto supoñen pequenos pasos, aínda que somos conscientes de que máis, sobre todo en parroquias do interior e noutras parroquias costeiras, onde temos que, de acordo tamén coa Xunta de Galicia e utilizando fondos europeos para iso, seguir avanzando no saneamento doutros núcleos, onde se fai necesario actuar nun curto período de tempo”.