O concelleiro de Limpeza Viaria, Jorge Díaz Freije, comentou que “despois dun arduo traballo durante dous anos e medio para licitar esta varredora, ao final xa é un presente, xa está aquí. Son 80.000 euros de investimento a cargo todo do Concello de Ribadeo, e isto ven reforzar un pouquiño máis a Área de Medio Ambiente para a limpeza das rúas”.

O edil nacionalista sinalou que “unha proba de fogo vai ser agora a Semana Santa, que está aí. Ribadeo vai contar con dúas varredoras e creo que se vai notar o apoio desta máquina, que leva tamén un sistema de baldeado. É un pouquiño máis recortada que a outra. Mercámola así para que entrara en máis sitios e puidera ser máis accesible. Queremos que valga para máis que para varrer, queremos que faga a función dunha motobomba pequena para lavar as grúas”.

Jorge Díaz quixo “agradecer aos veciños e veciñas de novo porque isto sae dos veciños e veciñas de Ribadeo, dos cartos que todos os anos aportan. E aproveito para animalos a colaborar para ter un Ribadeo limpo. Eu sigo insistindo en que toda a cidadanía ten que colaborar coa limpeza, o Concello agora puxo a súa máxima encima da mesa e aí está, agora toca colaborar. Hai que facer bo uso das papeleiras, dos contedores, non hai que deixar cabichas tiradas na rúa nin os excrementos das mascotas. Apelo ao sentido común, que é o que ten que rexer porque sen iso non podemos facer absolutamente nada”.

Díaz Freije tamén agradeceu “o traballo realizado polos funcionarios e técnicos municipais, porque despois de dous anos e medio xa temos aquí a nova varredora”.

Na presentación esta mañá participou o alcalde, Fernando Suárez, estiveron traballadores das Área de Medio Ambiente, representantes da empresa fabricante da varredora e tamén do BBVA.