Suárez Barcia dixo que “sería unha boa noticia si a noticia fose limpa, porque a min paréceme moi ben todo isto, como alcalde de Ribadeo, pero nós ofertamos no seu día os terreos para a construcción deste centro e partiu de nós coa Xunta do goberno anterior facer unha nova escola pública infantil en Ribadeo, daquela chamada galescola. E agora chámame moito a atención que despois de estar asinado o convenio coa Xunta de Galicia e co Ministerio de Educación vai para dous anos, agora a vinte días das eleccións se despachan dicindo que van facer estas escolas infantís aquí e noutros puntos máis do país”.

Para o alcalde de Ribadeo “isto a priori estaría ben, pero sin un lee a letra pequena ve que o que acaban de publicar no DOG non é o mesmo que o asinado no seu día entre a Xunta e o Ministerio de Educación. Nese convenio poñían a partes iguais as cantidades Xunta e Estado e agora é a Xunta a que da súa parte non pon nada ou prácticamente nada e pretende que os Concellos poñamos a parte que tería que poñer a Xunta, non só no mantemento, que aí os Concellos sí que estamos obrigados a participar, senón na construcción. Iso é obviar as competencias e as atribucións que temos polo réxime constitucional Estado, Comunidades Autónomos e Concellos”.

O rexedor é consciente de que “a Xunta non ten cartos e os Concellos tampouco. Xunta e Estado saben que os Concellos acabamos de facer uns plans de saneamento financieiro e non nos podemos endebedar para asumir este tipo de circunstancias. Cando a un lle poñen o caramelo na boca, pero logo a letra pequena di que ten que sufragar a construcción dun equipamento e dun servizo que por competencia lle corresponde á Comunidade Autónoma creo que é un fraude e son fogos de artificio propios das datas preelectorais nas que estamos”. Fernando Suárez indicou que “en tres anos e medio non se preocuparon para nada desta situación, en tres anos e medio o único que fixeron coas garderías, a parte de cambiarlles o nome, foi impedir que as cociñeiras e o persoal poidan comer da propia comida que preparan, que aos nenos non lles dean auga embotellada… esas foron as cuestións fundamentais que fixeron en todo este tempo e agora a poucos días das eleccións saen con esta proposta que me temo que moitos Concellos non van poder asumir”.

O alcalde ribadense manifestou que “estudiaremos con máis calma este convenio que inicialmente asinan dúas partes, Xunta e Ministerio, e no que agora a Xunta de xeito unilateral involucra a unha terceira administración como son os Concellos, aos que non se nos deu comba en toda esta circunstancia. A situación financieira dos Concellos é ben coñecida pola Xunta e polo Estado e é contradictoria a mensaxe que a propia Xunta está a dar de reordenar as competencias”. Fernando Suárez considera que “o goberno galego pode botar man dos organismos que está reforzando últimamente que son as Deputacións para que se fagan cargo destas circunstancias, porque os Concellos difícilmente poderán iniciar infraestructuras que legalmente lle competen a outras administracións como é o caso da Xunta. Eu tamén podo crear unha autovía e dicir que a idea e o proxectos son municipais, pero que quen a ten que facer é a Xunta e o Estado, así calquera fai infraestructuras”.