O alcalde sinalou que “xa estamos chegando ao remate desta construcción tan importante para Ribadeo como é esta estación depuradora de augas residuais, que se está a acometer aquí en Vilaselán moi cerquiña de onde Ribadeo ten a súa depuradora. Aínda que esta outra nova, que entrará en funcionamento nos vindeiros meses, é algo absolutamente diferente en prestacións e en calidade constructiva, pero sobre todo no que será o tratamento futuro de todas as augas residuais da vila de Ribadeo e das parroquias costeiras”.

Fernando Suárez dixo que “esta depuradora é unha das mellores, por non dicir a mellor, de Galicia. Hai que resaltar un dato, a construcción desta infraestructura está nos 6 millóns de euros e a explotación durante 20 anos, que irá con cargo ao canon de saneamento da Xunta, ascende a uns 18 millóns de euros. Todo isto sen que os veciños de Ribadeo deban aportar un céntimo máis no seu recibo, dado que xa están a pagar o canon de saneamento… nos vindeiros vinte anos non será repercutido nada deste custe de mantemento, xestión e explotación desta instalación”.

O rexedor ribadense subliñou que “a depuradora actual, que ata o de agora está a resolver mellor ou peor os problemas de Ribadeo, ten un primeiro ciclo de desbaste, de sacar a tona, de sacar as graxas, as areas… e esta nova depuradora ten tres ciclos. O primeiro é o que viña facendo a antiga instalación que temos; o segundo é un ciclo biolóxico onde as bacterias irán comendo a parte máis dura, a que a día de hoxe estaba indo ao mar e no terceiro ciclo os raios ultravioleta farán que a saída da auga, non sexa exactamente para beber, pero que os parámetros de verquido serán infinitamente mellores aos que actualmente están indo ao mar”.

Fernando Suárez pensa que “unha vez que a nova depuradora entre en servizo o río de Vilaselán, que tanta xente empregou para bañarse hai 30 ou 40 anos, voltará a estar en perfectas condicións porque así o posibilitará a maravilla técnica desta construcción”. O rexedor lembrou que “a Xunta é a que está a levar adiante esta obra, pero o Concello fíxoo posible dado que adquirimos todos eses terreos para poñelos a disposición de Augas de Galicia por importe de 140.000 euros, procedentes de fondos propios.  É unha das inversións máis importantes e máis beneficiosas tanto para o medio ambiente como para os veciños e veciñas do noso concello e ademáis un referente en modernidade e en compromiso medio ambiental para Ribadeo”.