O alcalde ribadense manifestou: “en relación con estas incidencias das liquidacións derivadas da regularización catastral que a algunha xente lle foi notificada a través do Boletín Oficial do Estado, debo dicir que a xestión tributaria, desde hai moitos anos, non a leva o Concello senón que a leva a Deputación Provincial”.

Fernando Suárez dixo: “somos tamén dende o Concello sorprendidos de que tan alto número de notificacións non foran personalizadas a domicilio, senón que foran a través do Boletín Oficial do Estado, que sabemos que é un instrumento legal para notificar, pero que nos chama certamente a atención. De aí que lle acabamos de dirixir un oficio ao servizo de xestión tributaria e recadación provincial da Deputación de Lugo, para que nos aclare e nos informen á maior brevidade sobre o procedemento seguido para notificar estas liquidacións aos interesados, que non están en executiva senón que están en voluntaria desde logo, pero cales foron os motivos deste elevado número de notificacións e porqué foi imposible efectualas de xeito ordinario no seus domicilios”.

O rexedor ribadense sinalou que “unha vez dito isto quero contestar estas declaracións, estas soflamas que ás veces sen fundamento fai o Partido Popular de Ribadeo cun ánimo absolutamente político de liar  e de enguedellar toda esta situación que se dá en Ribadeo, que se dá en todos os concellos de Lugo e que se dá en todos os concellos do Estado. Parece ser que Ribadeo para o Partido Popular é un triunfo moi importante porque só se centra en Ribadeo cando esta realidade está a pasar en todos os concellos do Estado”.

Fernando Suárez subliñou que “en Ribadeo quero deixar claro que nestes últimos anos non se subía a contribución para nada. Todo o que se incrementou o valor catastral, a través da Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda, foi na mesma proporción rebaixada no tipo, que é o multiplicador polo que o Concello si que ten potestade. Polo tanto a resultante final, se sube o valor catastral baixa o tipo, quedou igual nestes últimos anos. Remítome ás actas e aos acordos plenarios que fomos facendo ao longo destes últimos anos”.

O alcalde de Ribadeo engadiu que “no que ten que ver con esta regularización catastral feita polo Ministerio de Facenda a través da Dirección Xeral do Catastro, foi aprobada no Congreso dos Deputados de xeito que a través dun plan cuatrienal en todo o Estado se estivo a facer, un plan cuatrienal do 2013 ao 2016. O único que puidemos facer os Concellos, tamén o de Ribadeo, foi escoller o ano en que se faría esta revisión. No noso caso, dentro dese abano de catro anos, escollemos o 2015. Agora sabemos que houbo Concellos que non escolleron ningún ano e agora Catastro está metendo forzosamente para este exercicio no que estamos”.

Suárez Barcia indicou que “esta regularización catastral non é a toda a poboación, nin é a todos os propietarios de inmobles deste concello nin do resto dos concellos. Esta regularización estivo dirixida aos inmobles que sufriron alteracións e que nunca foron declaradas, por descoñecemento ou por non descoñecemento, polo que fose. O catastro fixo unha revisión e alí onde detectou que había alteracións, non dos últimos tempos, igual de había seis anos ou de había catorce ou dezaoito… alí onde viu que había alteracións non declaradas, rehabilitacións de inmobles, construción de elementos anexos á vivenda principal que non estaban declaradas, etc…, fixeron esa revisión, e os procesos de valoración foron realizados polo Catastro e non polo Concello, polo que as reclamacións deben ser ao Catastro”.

O alcalde rematou a súa intervención puntualizando: “outra cousa é que desde o Concello, como non pode ser doutro xeito, a través dos técnicos e dos funcionarios prestemos todo tipo de atención aos veciños para aconsellalos ou para dirixilos a quen deben facer as oportunas reclamacións. Non se trata de escorrer o bulto, trátase de chamar ás cousas polo seu nome e trátase de desmontar este engreño que dunha maneira malévola quere, como sempre ao seu xeito de oposición, facer o Partido Popular de Ribadeo”.