O alcalde, Fernando Suárez, contou que “é moi importante destacar a aprobación definitiva da ordenanza que regulará o aproveitamento especial das vías públicas, sobre todo para estes transportes de madeira ou doutro tipo, que moitas veces estragan os camiños públicos municipais, logo ninguén se fai cargo e o Concello ten que ir amañalos porque os veciños se queixan e con razón. A partires de agora, e como ocorre neutros concellos da Mariña, esixiremos de ter unhas garantías, uns avais, unhas fianzas previas antes das cortas, para que senon se producen problemas e o estado do camiño queda igual que estaba antes de sacar a madeira devolverase esa cantidade aos madeiristas, pero si o estragan terán que facerse cargo”.

O rexedor subliñou que “se aprobou por unanimidade de toda a Corporación Municipal a modificación da ordenanza referida aos caixeiros dos bancos. Sabemos que con isto non resolveremos os problemas económicos que ten o Concello de Ribadeo, pero consideramos estratéxicamente importante actuar sobre aqueles sectores que máis poden soportar un incremento da presión fiscal, como pode ser a banca. A esta banca que tanto diñeiro recibiu do Estado nos últimos tempos non lle importará devolver unha pequena migalla ao Estado, que tamén é o Concello, para que poida seguir a traballar e investir todos eses cartos en infraestructuras sociais, etc”.

Na sesión plenaria do pasado venres tamén se aprobou un expediente de modificación de crédito, “que tivemos que facer e que foi aprobado por todo o mundo e para o cal temos que suplementar diñeiro de fondos propios para seguir pagando a axuda a domicilio no que ten que ver coa lei de dependencia. Menos mal que temos recursos para facerlle fronte porque senon estaríamos condeados a non poder seguir prestando o servizo tal e como viñamos facendo. Quere dicir que neste último ano 2013 foi tal o número de casos que se incrementaron de axuda a domicilio, que todas as partidas económicas que tiñamos previstas para tal fin quedaron desbordadas e tivemos que suplementar cuns 30.000 euros para poder seguir prestando este servizo e podémolo facer porque contamos con recursos para iso”.

No capítulo de mocións o alcalde de Ribadeo referíuse á da asoción de emigrantes retornados “pedíndolle á administración tributaria e ao Estado que non se cebe cos máis débiles, que esta xente que traballou fora e que cobra unha pensión de fora que nunca a tivo que declarar aquí e que non teñen ningún inconvinte en declarar, pero o que non pode facer a administración tributaria é dicirlles primeiro que non o teñen que facer así e despois sancionalos con fortes multas e intereses de demora, etc”.

Fernando Suárez tamén aludiu á moción plantexada polo BNG contra a suba do canon de Sogama: “e que contou co apoio de todos, agás do PP lamentablemente. O que persegue é dicirlle ao goberno galego que non pode subir de maneira unilateral un 34% o custe da tonelada de lixo que entregamos a Sogama. Non pode ser que por un cambio na política enerxética do Estado, de que agora lles pagan menos pola enerxía que producen ao queimar o lixo, iso non lle pode repercutir aos Concellos e aos cidadáns. Para un Concello coma o de Ribadeo supón uns 80.000 euros de máis ao ano que lle teríamos que entregar á Xunta de Galicia, sen crear ningún servizo a maiores, sen modificarnos o sistema de recollida de lixo nin nada teríamos que entregarlle esa cantidade por un incremento unilateral dun 34%. Acordamos dicir que non podemos facer iso e que si chegado o momento se ten que facer que se ateñan ás consecuencias políticas os responsables autonómicos polo que están a facer”.