O rexedor contou que “estamos nestes días iniciando estas obras de consolidación e protección deste noiro (talud), na praia dos Bloques, despois de que hai poucas semanas caera un ribazo de terra, concretamente había un carballo que nacía de maneira oblicua. Con tanta auga que caeu, durante unhas semanas atrás, houbo un desprendemento de terra con pedras, e quedou ese noiro un tanto inestable”.

Suárez Barcia sinalou que “a intención do Concello de Ribadeo foi dirixirse a Costas, ao Ministerio, para que nos botasen unha man, e finalmente non puido ser así, din que eles non teñen as competencias. Ao final os Concellos somos a administración máis pequena e somos quen temos que acabar pagando o pato de todas as competencias. Ter competencias e non ter recursos é complicado”.

O alcalde de Ribadeo explicou que “habilitamos unha partida económica que nos supón uns 16.000 euros e a través dun procedemento de emerxencia, porque non queremos ter ningún problema co paso público de persoas que usan esta praia dos Bloques, agora non se nota moito porque é inverno, pero cando chegue a época estival non queremos ter ningún problema con este paso peonil cheo de terra. Polo tanto eliminamos todo isto, coa autorización tamén de Costas, estamos refacendo un muro de contención, cunhas dimensións xenerosas tanto de alto como de ancho, para estabilizar e evitar maiores problemas a todos os usuarios desta praia. Así que cando veñen aquí na primavera ou no verán atoparán esta zona rexenerada, que é o que se trata, evitar posibles problemas futuros”.

Fernando Suárez e o concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, supervisaron esta mañá eses traballos.