Suárez Barcia contou que “recibín moi bo trato e cordialidade. Viñemos declarar como testemuñas do que xa nos ratificamos no seu momento na comisión xudicial que estivo en Ribadeo e no que dixemos tamén nos medios de comunicación no seu momento nesta visita de agosto do 2014 do famoso, hoxe en día, Nicolás que daquela non era tan famoso. Aquela circunstancia a min particularmente me roubo uns minutos, pero sen maior transcendencia para Ribadeo máis aló de moitas cuestións mediáticas, pero nada máis”.

O alcalde de Ribadeo explicou que “preguntáronme cómo foran os feitos e ese encontro breve con el ao igual que aos meus compañeiros”.

Suárez Barcia lembrou que “naqueles primeiros momentos sentímonos un pouco abochornados aínda que logo tomámolo con deportividade porque, con aquilo de que non hai mal que por ben non veña, ao final Ribadeo acabou aparecendo nos medios de comunicación de ámbito estatal e non para mal”. O alcalde engadiu que “foi unha etapa que está pasada e confío que con isto no que ten que ver con nosoutros conclúa”.

Suárez Barcia recalcou: “viñemos aquí gustosamente a contestar ao que nos preguntaron, que insisto en que o fixeron de maneira moi amable o que agradezo. No meu caso concreto relatei cómo foi a experiencia, qué me dixo, quen era e cómo estaba o dispositivo. Relatei o que vivín naqueles minutos porque non foron máis de sete ou oito minutos”.