O rexedor cre que “o máis importante do pleno foi precisamente que a el non foron a suba de taxas e impostos. Con isto penso que debemos ser dos poucos, senón o único concello da Mariña, no que non tratamos a suba de impostos sistemática, como está pasando noutros concellos. Tan so subimos o IPC na concesión da piscina, dado que é unha cláusula contractual. Pero despois o imposto de vehículos de tracción mecánica non se sube, o IBI (a contribución tanto urbana como rústica) non se sube”. Ao equipo de goberno parécelle “dabondo a suba que experimentou o ano pasado cando pretendemos desde o Concello subir a taxa interanual, é dicir o 3,8 por cento, e o goberno de Rajoy naquelas primeiras semanas ordenounos que non podía ser así senón que tiñamos que subir o 10 por cen. Polo tanto parécenos dabondo aquela suba importante que se deu o ano pasado e decidimos este ano non subir este tipo de taxas nin as de servizos sociais, etcétera”.

Fernando Suárez subliñou que “é o noso grao de area que queremos aportar para esta situación e tamén contrapoñer á suba grave e inxusta dos impostos que está aplicando o goberno do Estado, tanto dos impostos indirectos, destes que afectan a toda a poboación con independencia das rendas, como pode ser o IVE, que pasa en moitos casos do 18 ao 21 por cen ou noutros precisamente pasa do 8 ao 21 por cento dunha maneira disparatada. E nos impostos directos, os que gravan as rendas, o IRPF tamén sube gravando de maneira moi importante ás clases medias e baixas. Iso sí, paradóxicamente o goberno do Estado non incorpora imposto de patrimonio para os ricos, permite que estas sociedades de inversións que se chaman as Sicavs poidan seguir tributando polo un por cento dos beneficios, algo tremendamente inxusto con estas subas do IBI que estamos explicando agora”.

O alcalde ribadense explicou que “na parte tributaria logo houbo unha moción do PP que me parece o colmo da hipocrisía, porque cando o goberno municipal non sube os impostos o que pide o PP en Ribadeo, porque logo no país adiante non o pide porque o fai, aquí pide que os temos que baixar incluso. E desde logo é falar do chocolate do loro, como dicía o outro, e parécenos que é a demagoxia máis absoluta e o colmo da hipocrisía o que pretende o PP local para evitar non quedar descolocado”.

Na sesión plenaria de onte modificóuse a ordenanza reguladora da zona ORA, da zona azul, “non precisamente para beneficiar aos infractores, senón que para todas aquelas persoas que de boa fe sacan o ticket porque queren ir facer un recado e deixan o coche en zona azul, pero que se poidan esquecer un ratiño ou que se poidan despistar ou que na cola do supermercado ou da tenda tarden máis en saír e polo tanto cando vaian buscar o coche estea denunciado polos axentes da Policía Local agora, cando entre en vigor dentro dun mes máis ou menos esta modificación normativa, terán a posibilidade de con 5 euros anular esa sanción. Co regulamento que temos actualmente unha sanción en zona azul son 24 euros e si se abona por pronto pago son 12. Evidentemente isto segue sendo así, pero agora coa excepción de que alguén denunciado durante ese día pode ingresar 5 euros na propia máquina e quedaralle a súa multa totalmente anulada”.

Para Fernando Suárez “trátase dunha circunstancia que demostra que non temos afán recadatorio ningún nesa cuestión da zona ORA, que Ribadeo é un sitio comercialmente moi importante e que queremos seguir dando vantaxes a todas aquelas persoas que queiran vir aquí aparcar á zona céntrica de Ribadeo. Evidentemente para estes outros condutores que son, como se soe dicir agora, un pouco jetas, que non sacan o ticket ou que simplemente non lles dá a gana de anular esa sanción con ese pago pequeno quedarán abertas as outras vías de sanción dos 24 euros, que son 12 si se pagan nun período de 15 días”.

No apartado de mocións saiu adiante cos votos do BNG e do PSOE unha plantexada polo equipo de goberno para que a Xunta inste ao goberno do Estado a modificar a lei hipotecaria e que se adopten unha serie de medidas sociais para solucionar o drama dos dasafiuzamentos. O rexedor dixo que “é algo que está en boca da opinión pública nestes últimos tempos, a voracidade absoluta dos bancos que non se satisface cos casos dramáticos de familias e persoas que logo de pagar altas amortizacións e intereses polos préstamos son botadas fora do seu fogar e moitas veces quedan cunha débeda de por vida, dado que polo que foi tasada a súa vivenda unha vez que ésta se subasta adquírea de novo o banco cunhas porcentaxes bochornosas do 60% do seu custo. Así xeneran unha débeda durante toda a vida desas persoas”. O equipo de goberno de Ribadeo quere que “se modifique a lei hipotecaria e que non se ande con medias tintas coa banca, responsable en grande medida da situación que nos toca vivir a todos neste momento. Queremos que se contemple a dación de pago coma método de que unha vez entregada a vivenda que non se poida pagar remate xa a tortura para as familias e que se cree unha bolsa de vivenda social esixindo das entidades bancarias que as vivendas baleiras da súa propiedade pasen a formar parte desa bolsa ou para a venda a prezo taxado”.

Tamén se aprobou outra moción presentada polo equipo de goberno. O Concello instará ao Ministerio de Fomento, á Dirección General de Tráfico e á Xunta para sinalizar e permitir que os ciclistas poidan cruzar a Ponte dos Santos de Galicia a Asturias e viceversa polas beiravías da A-8. Fernando Suárez insistiu en que “hai normativa no regulamento xeral de circulación que permite que o Ministerio de Fomento, si o quere, sinalice como paso axeitado as beiravías das autovías, entendendo que quizáis se teña que moderar un pouco a circulación do transporte e dos vehículos na Ponte dos Santos, son uns 600 metros, e entre todos contribuiriamos a potenciar un medio de transporte saudable, sano, barato e ecolóxico como é a bicicleta”. O alcalde ribadense engadiu que “desto último fixémoslle saber ao Concello de Castropol para que faga o propio no próximo pleno”.

Suárez Barcia sinalou que “no capítulo de rogos e preguntas xurdiu tamén esta polémica que está alimentar dunha maneira sectarea o PP ao longo destes últimos días con ese suposto taller de emprego que se perdeu por incompetencia do Concello. Lamentablemente me parece o colmo da hipocresía que o PP estea a confundir as institucións cos partidos, dado que o Concello de Ribadeo solicitou o taller de emprego, e o Concello contestou aos requerimentos que se lle fixeron para aclarar unha serie de aspectos, pero o Concello non ten coñecemento formal de si ten concedido ou non ese taller de emprego. Paradóxicamente parece que o portavoz do PP parece que sabe máis que o alcalde de Ribadeo, dado que él sí que ten acceso á Xunta e o que lle negan ao alcalde ribadense formalmente parece ser que llo din de xeito informal ao portavoz do PP”.

O rexedor insiste en que “desde o Concello non hai coñecemento e desde o Concello fixemos todo o que tiñamos que facer. Outra cousa é que non nos queiran dar o taller de emprego e que se estean a buscar escusas de mal pagador para non querer darnos dito taller. Ou tamén, como dixen onte no pleno, o que me parece bochornoso é que funcionarios e xefes de servizos de alto rango, que teñen que ser independentes, lle comenten telefónicamente aos técnicos deste Concello que ese obradoiro que nós plantexamos non o vían, que non creían que fose saír para adiante e que en todo caso desde o Concello fixéramos o que quixéramos, pero tiñan dúbidas de que fose saír. Todo isto ocorreu antes de que nos mandasen ampliar a documentación. Iso é algo que ao portavoz do PP lle molestaba que o dixésemos, pero estaremos á espera do que nos contesten. Ogallá nos dean o taller, ogallá nos tapen a boca con feitos e non con críticas”.