A concelleira de Igualdade, Mari Luz Álvarez Lastra, salientou que “por primeira vez se tratou o tema da violencia obstétrica ou o tipo de violencia exercida polo profesional da saúde sobre o corpo e os procesos reprodutivos das mulleres. Ademais contamos coa presenza de Javier G. Teruelo, que ven de publicar o libro Análisis de feminicidios de género en España en el período 2000-2015“.

A edil nacionalista dixo que “este catedrático de Dereito Penal a raíz do estudo criminolóxico baseado en mil casos conclúe que o delincuente que asasina a mulleres non ten nada que ver co delincuente clásico que intenta evitar ser descuberto. Por outra parte, sinala dúas cuestións fundamentais que é necesario identificar os casos de verdadeiro risco e cre que hai que actualizar as ferramentas que o sistema actual ten para tal finalidade. E ademais a necesidade de crear un sistema de protección para as mulleres sen necesidade de que exista denuncia”.

A directora do CIM, Luisa Couceiro, explicou que “o sábado contamos con dúas experiencias educativas similares que pretenden introducir a igualdade de xénero nos centros educativos desde o alumnado, como é o caso do Comité Lila do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e desde a dirección a través dun plan de igualdade no centro educativo como fixo o CEIP Príncipe de Asturias de Tapia”.

Couceiro engadiu que “logo tivemos a oportunidade de escoitar a Miguel A. Arconada, un referente a nivel estatal no campo das novas masculinidades no ámbito coeducativo. Falou dos diversos tipos de homes e recalcou como non é o mesmo que un home sexa non machista a que iso signifique que este suxeito é un home igualitario. Pola tarde contamos coa psicoterapeuta do programa de atención psicolóxica ás mulleres que sofren violencia de xénero, Concha Rodríguez, e rematamos coa presentación do libro de Fiadeiras Machismos de micro nada“.

Finalmente a directora do CIM indicou que “por problemas de última hora a asociación Bilgune feminista non puido acompañarnos para falar das agresións sexistas nas aglomeracións nos contextos nocturnos e de ocio, mais esta charla trasladouse para o próximo venres, 29 de abril, ás 20:00 horas na Casa das Letras”.

Desde a organización sinalan que as xornadas remataron cunha ampla participación e cun nivel alto na calidade dos e das ponentes.