No concurso poden participar tódolos nenos con narracións en galego cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara sobre o tema Canta Bichería onde os animais reais ou fantásticos serán os protagonistas. No apartado de debuxos teñen que estar feitos sobre cartolina de tamaño aproximado de DIN A4(folio) tamén sobre o mesmo tema.

Establécense tres categorías: A ata 8 anos, B de 9 a 11 anos e C de 12 a 16 anos. Cada autor pode presentar cantos traballos desexe e no reverso de cada traballo irán escritos o nome e apelidos, enderezo, teléfono e colexio do autor.

O prazo de presentación rematará o día 6 do vindeiro mes de maio e deberán ser entregados na Biblioteca Municipal. O xurado seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. Os premiados nesta fase local participarán na fase provincial do certame convocado pola Biblioteca Pública Provincial co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta. O fallo do xurado local farase público despois do Día das Letras Galegas.