Fernando Suárez asegurou que “con moitísimo éxito de participación se están a desenvolver nas parroquias estas exposicións, xa levamos Rinlo, Vilaselán, Couxela e Remourelle. Estamos a montar a fototeca municipal con axuda de todos, cunha pequena axuda que recibimos da Deputación, pero cunha grande axuda da veciñanza, xa que sen eles non sería posible contar con todas estas fotografías para poder escanealas e tratalas informáticamente. De aí que teñamos a posibilidade de ir expoñéndoas nas diferentes parroquias, mesmo esta tarde será en Ove e mañá en Covelas, que agrupa aos núcleos de As Anzas, Vilela e da propia Covelas”.

O rexedor manifestou que “en todas estas citas poderánse ver unha parte moi importante das máis de 2.000 fotografías coas que conta a fototeca municipal, que ademáis de estaren expostas nestas parroquias xa están colgadas na páxina web namemoria.ribadeo.org a disposición de toda a cidadanía para ver as aportacións que os veciños de boa fé e xeito gratuito ceden para que a historia de Ribadeo non quede perdida no baúl dos recordos, senón que se saiba das festas, das vivenzas, das labranzas, dos oficios… dun tempo que pasou que nunca vai volver dese xeito, pero é moi importante que un pobo non perda a súa historia”.

Fernando Suárez considera que “para saber a onde queremos ir é necesario que todos saibamos de onde vimos, de aí que estas iniciativas que facemos co apoio interdisciplinar tanto do telecentro, da área de Turismo, de Cultura, de Desenvolvemento Local e cómo non da aportación e do traballo de todas estas asociacións de veciños que se están a volcar para facer un dos mellores, máis ambiciosos e máis queridos proxectos desde o punto de vista simbólico-cultural”.